"As mulleres levaron o xénero á vangarda"

A autora de 'O libro da egoísta' foi unha das tres mulleres que inaugurou o congreso literario 'Nós tamén navegar' en Pontevedra. Xunto a ela, na mesa redonda que lle deu nome a este encontro, Helena Villar e Rosa Enríquez. «O papel das voces femininas é absolutamente fulcral».

A COORDINADORA do Festival Internacional de Poesía de Pontevedra, PontePoética, e do obradoiro de tradución Con barqueira e remador, entre outras cousas, a poetisa Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) volveu onte á cidade para participar no congreso Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega, 1976-2016, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Unha radiografía da situación da poesía galega é que o dixo a Aelg que quería facer neste congreso. Ten boa saúde o xénero

Depende do aspecto que enfoquemos. Se enfocamos a produción literaria, a súa calidade, a saúde é excelente. Outra cousa é se nos fixamos noutra serie de aspectos do sistema literario, que non sae da precariedade. Refírome á edición de libros, ao mercado, á distribución, á promoción, ao apoio á edición literaria, ás vías para a profesionalización... En todo isto non só seguimos en precario, senón que case che diría que demos pasos atrás.

Pode que congresos coma este non sexan perfectos, pero son propostas necesarias que axudan á visibilidade, á únión e ao debate»

Participa na primeira mesa redonda do congreso xunto a outras dúas autoras. A importancia da voz feminina na poesía galega é incontestable.

É completamente fulcral, ao noso modo de ver. Diso precisamente é do que imos falar Helena Villar Janeiro, Rosa Enríquez e máis eu, comandadas por Marta Dacosta. Sempre coa imaxe de Rosalía de Castro á fronte deste matriarcado da literatura galega, o papel das autoras segue a ser, como digo, fulcral. Pódese rastrexar na fonda pegada que a autoría feminina está a deixar na nosa historia literaria. Aí están os casos de Luz Pozo, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, por dicir só tres nomes referenciais.

O trans-xénero é o tema sobre o que se falará nunha das últimas mesas redondas do congreso. Cara onde diría vostede que camiña a poesía galega?

Dende logo as fronteiras desdibúxanse cada vez máis. Nese sentido, as mulleres poetas foron precisamente as que levaron o xénero á vangarda moitas veces. Son moi protagonistas nesta ampliación de fronteiras que leva a poesía fóra do texto. Estou a pensar en María Lado e Lucía Aldao, en Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Veñen das mans femininas as maiores experimentacións neste sentido, as que quitan á poesía do formato libro, que vai ter que acabar convivindo con outros que non deixan de incidir no feito poético, pero que o fan máis transversal e o aproximan ao teatro, á música e mesmo, sendo un pouco máis ousadas, á stand up comedy.

Hai autores galegos, como Santiago Jaureguizar, moi críticos co papel que xoga a AELG na actualidade. Vostede considera útiles congresos coma este?

Pode que non sexan perfectos, pero son propostas necesarias que axudan á visibilidade, á unión e ao debate. Igual se poderían facer mellor, pero a min sempre me vas ter do lado de facer cousas, de reflexionar en alto, de debater, de introducir novas voces... como é o caso. E de verdade que estarei encantada de abrazar calquera outra proposta alternativa. Que as fagan. Porque hoxe é isto ou nada.

Comentarios