Música e poesía na programación buenense para honrar a Manuel María

Un concerto de Tino Baz inaugurará o venres as actividades dedicadas ás Letras Galegas
Presentación das actividades do Día das Letras Galegas en Bueu
photo_camera Presentación das actividades do Día das Letras Galegas en Bueu

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello de Bueu, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, prepara un amplo programa de actividades, que comezarán o venres, 13 de maio, cun concerto a cargo de Tino Baz, que presentará a partires das 21.30 horas o seu espectáculo ‘Cantos de preto e de lonxe’ no Centro Social do Mar.

Esta actividade está incluída na programación do Ano Castelao da institución provincial e servirá para pór en marcha un amplo abano de actividades, que foron presentadas o pasado luns nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Silvia Carballo; o edil de Cultura, Carlos Eirea; o deputado da área na Deputación, Xosé Leal, e o presidente e o tesoureiro da Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta, Xosé Antón Portela e Xosé Moital, respectivamente.

Dentro do programa, desde este mércores e ata o 21 de maio, o Centro Social acollerá unha exposición sobre Manuel María, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016.

O sábado 14 de maio os máis pequenos poderán gozar cunha actuación a cargo de Serafín Marcos titulada ‘Que Manuel María?’, que se celebrará no Centro Social ás 18.00 horas. Ese mesmo día, ao remate, arredor das 19.30 horas, a sala Amalia Domínguez Búa acollerá unha mesa redonda sobre o xornalismo en galego, que contará coa participación dos xornalistas Xurxo Salgado, director do medio dixital Galicia Confidencial, e Rocío Castro, de Sermos Galiza, ademais de Antón Lopo, gañador da edición deste ano do premio de xornalismo Johán Carballeira.

Silvia Carballo destacou "a importancia de facer xornalismo en galego e de manter viva a nosa lingua a través dos medios de comunicación".

Ademais, apuntou que "as actividades de conmemoración do Día das Letras Galegas veñen a complementar as accións que se organizan durante todo o ano para a defensa da lingua".

Dentro do programa, o domingo será a quenda do V Festival Poético do Morrazo, organizado en colaboración coa Asociación Cultural ‘Ricardo Gómez Buceta’, que terá lugar ás 19.30 horas no Centro Social do Mar.

No acto presentarase o poemario ‘Os fillos da fame’, de Ismael Ramos, gañador do Johán Carballeira de Poesía do 2015, ademais de ‘A elegancia do século’, de Pura Tejelo, gañadora da presente edición. A continuación, estudantes do Ceip A Pedra e do Ies Illa de Ons participarán nunha lectura da obra de Manuel María e o acto pecharase cun recital poético a cargo de Antía Juncal, Miriam Ferradáns e Leo Campos.

Por outra parte, o luns 16 de maio farase unha lectura pública na Casa do Concello baixo o lema ‘O idioma é vida’, na que participarán os concelleiros municipais ademais das persoas que o desexen.

O edil de Cultura destacou a variedade de actos que se desenvolverán en Bueu e que se estenden máis alá do 17 de maio, orientados a todos os públicos.

Durante a súa intervención, Xosé Leal fixo fincapé na necesidade de "poñer en valor o traballo dos colectivos sociais e culturais dos concellos" e asegurou que a Deputación pretende contribuír e apoiar as programacións locais para homenaxear a lingua.

Ao remate, o deputado provincial fixo entrega do libro ‘Os soños na gaiola’ ao Concello de Bueu e ao presidente da Asociación Ricardo Gómez Buceta, xa que o ente provincial valora moito o traballo dos colectivos sociais e culturais.

A programación buenense conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Deputación de Pontevedra.

Comentarios