Nadal e gardar a roupa

Disque o Nadal adoita ser unha época de seca informativa. Neste caso, nada máis lonxe da realidade, anda que non houbo novidades á esgalla. Se cadra, a máis agradábel para os consumidores, dentro desta xeira de crise que nos asolaga desde que Solbes dixo que non a había, é que o prezo do marisco baixou arredor dun 25 por cento. Claro, é a parte positiva da cuestión: a crise éo para todo o mundo, incluídos os prezos de mercado.

Deste xeito, de certo que nestas festas nunca o marisco tivo un nome máis axeitado: con semellante baixón de prezo, “m’arrisco” a compralo (en efecto, a crise tamén afecta á imaxinación, síntoo).

O panorama do país xa o coñecen máis ou menos: co adianto eleitoral, todo o mundo comeza a coller posicións ou deposicións para botalas enriba dos outros. Verbi gratia, o cachondeo que se está a montar co asunto do Plan Eólico. Se cadra a postura más previsíbel é a do PP, que fai o que faría calquera partido da oposición perante semellante panorama, e máis coas eleccións á reviravolta. Entra dentro da lóxica de quen aspira a gobernar pedir que se deixe ao goberno que saia proximamente das urnas marcar as pautas do concurso para as concesións.

Mágoa, pola contra, que non fosen tan lóxicos cando o señor Fraga, horas antes de marcharse da Xunta, deixase todo “atado e ben atado”, como lle gustaba ao seu xefe do Estado, concedendo e desconcedendo ao seu antollo, co agravante antiético de saber que nin el nin o seu goberno ían continuar. Pero case máis grave có dos políticos, é o de certos (ou certo) medios de comunicación que informan ou desinforman segundo lles vai na concesión a certas empresas aspirantes que deben ter algún ca outro “plan eurólico” sobre ditos medios.

Ítem plus: Touriño pídelle a Zapatero que teña en conta a lingua propia á hora de encetar a financiación deste país, cousa moi louvábel. Agora só nos queda aos demais pedirlle a Touriño que teña en conta iso mesmo destituíndo á señora conselleira de Educación e á señora directora xeral de Política (?) Lingüística pola súa ineficacia, cando non complicidade, coa chea de ilegalidades lingüísticas que se cometen en non poucos eidos deste país, especialmente no do ensino.

E por último –que non derradeiro- a señora presidenta do Parlamento sóbese ao carro deses políticos que se comportan nas institucións como se estivesen a chatear (na acepción máis enxebre e vinícola do termo) cos seus colegas, e descóbrese como chama “pandilla de gilipollas” aos parlamentarios do PP.

Menos mal que neste caso houbo cordura por parte do deputado desta formación Manuel Ruiz Rivas, quen no canto de pedir fusilamentos ou suicidios como os seus colegas de Madrid, simplemente limitouse a dicirlle catro frescas á señora Villarino. Mal asunto cando alcaldes, presidentes de congresos, de deputacións, de parlamentos ou defensores de pobos taurinos se comportan como friquis telecinqueiros.

Xa alén desta terra, dous salientamentos: a capacidade de ZP para engaiolar aos presidentes autonómicos co tema da financiación, e ao mesmo tempo, para abrir fendas na oposición facendo sorrir a Camps e Esperanza Aguirre. A iso se lle chama matar dous (ou varios) paxaros dun tiro. E o segundo, anque este xa non é nova, o discurso nadalense do monarca. Todos unidos: contra o terrorismo, contra a crise, contra o catarro, contra a contrariedade…

Non foi precisamente un esforzo ímprobo á hora de encetar a mensaxe, anque recoñezo que eu tampouco me queimaría moito se total non teño que revalidar nin quen revalide o meu cargo. Así as cousas, con estas datas cargadiñas como case o propio ano o foi, só me resta desexarlles que o Nadal lles sexa levián, e mesmo pracenteiro. Se a crise llelo permite, abofé. Porque daquela, xa saben: Nadal… e gardar a roupa.

Comentarios