Nas portas da revolución

Unha ilustración de Marx e Engels fíxome pensar na necesidade de ler a fondo aos clásicos e despois destruílos do xeito máis subversivo posible

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A PASADA semana un rechío de Marta Veiga que incluía un debuxo deume a chave de interpretación para a obra que estaba a ler. O chío orixinal era dun mozo e afirmaba ter feito a ilustración durante as súas aulas de Historia Contemporánea. A verdade é que podemos crelo, xa que as pegadas do boli Bic son inconfundíbeis. A imaxe titúlase Rojo como tu corazón e é deliciosamente obscena. En primeiro plano aparece Marx cos pantalóns abertos e detrás súa Engels metendo a man aí onde todos vostedes están a pensar namentres pregunta se "hai obreiros nos seus pantalóns" porque "nota un levantamento". Aquilo fíxome pensar na necesidade de ler a fondo aos clásicos e despois destruílos do xeito máis subversivo posíbel, xa que para o crítico nada debe permanecer sen cuestionar. E eu precisamente andaba na primeira parte desta proposta grazas a Llamando a las puertas de la revolución, antoloxía dos escritos de Karl Marx compilada por Constantino Bértolo, que non só é un sabio da cuestión —como demostra o ensaio que abre a escolma, unha peza monumental e de extensión considerábel— senón que aínda por riba é ancarés, para ser máis exacto desa vila preciosa que é Navia de Suarna. E aquí xa saben que iso suma puntos, cando menos afectivos. Karl Marx xa ten aparecido nesta columna noutras ocasións, nomeadamente con motivo da publicación da excelente e premiada biografía de Jonathan Sperber. Se daquela seguiron a miña recomendación, atoparán máis graciosa a viñeta, xa que saberán da estreita relación entre Engels e Marx e tamén da vida desordenada deste último. Bértolo intercala entre os textos da pluma marxista uns capituliños titulados Speculum nos que vemos ao filósofo a través dos ollos doutros. Particularmente expresivo é o Informe dun axente da policía prusiana sobre a vida de Karl e Jenny en Londres, en medio dun apartamento desleixado e cheo do fume de tabaco do pai da familia. E un imaxina o debuxo nun semanario satírico prusiano, desacreditando ao xenio. Non hai autor máis terxiversado que Marx e esta escolma non resolverá a cuestión, como ben indica Bértolo no seu ensaio. Anos hai que se paralizou a edición das obras completas que dirixía Manuel Sacristán e previsibelmente non se retomará; ademais o filósofo de Tréveris rozaba senón traspasaba o limiar da grafomanía, co cal resulta sinxelo atopar liñas que contradín en todo ou en parte outras; por último, a proverbial dificultade da súa obra maior, O capital, á que Engels meteu man, tampouco axuda a un entendemento mediatizado asemade pola aplicación desastrosa dalgúns puntos das súas teorías. Constantino Bértolo fixo un traballo de titáns ao recoller textos de procedencia diversa, contactar cos tradutores e editalos para que formen un todo coherente no que quedan perfectamente debuxadas as liñas mestras da personalidade e o pensamento marxista. Aínda que el non fai esa división, pódese optar por unha lectura a chimpos seguindo tres fíos. O primeiro sería o dos textos con máis carga teórica, o segundo o dos escritos de ton panfletario e o terceiro o dos artigos de circunstancias, que ben poden referir aos interminábeis conflitos dentro da esquerda ou ben aos decisivos acontecementos que enmarcaron a vida de Marx: as Revolucións en París (1848 e 1871), o colonialismo salvaxe, a extensión da subversión en Rusia ou, en España, as revoltas contra a raíña Isabel que remataron na caída dos Borbóns en 1868. Deste xeito, se me permiten a recomendación e o editor non se amola, poderán entrar pouco a pouco nas ideas dun pensador fundamental e, se teñen apertura de miras, superar uns prexuízos inxustos contra aquel que deixou á humanidade ás portas dunha revolución que en aparencia non chegará xa a se consumar.

Comentarios