Négannos o corpo

Nos últimos tempos a muller ten acadado moitos logros recuperando dereitos que lle foron negados, entre eles a posibilidade de abortar legalmente, tema que nunca deixa de estar exento de polémica por parte dos que queren impedir que teñamos o control do noso propio corpo.

O que non sabemos é que hai mulleres ás que a posibilidade de levar a bo termo un embarazo lles é negada. Podería ser lupus, diría House se precisásemos un diagnóstico. E, efectivamente, neste caso atinaría: as mulleres con lupus deberían ser informadas polos seus médicos da problemática que se lles presenta no caso de quedar embarazadas. Falo da posibilidade do lupus neonatal no recén nado no caso de posuír anticorpos anti-Ro, do posible dano renal ao que se enfrentan elas, dos problemas de coagulación no caso de ter o síndrome antifosfolipídico, de posibles abortos…Despois de informar e aconsellar, os médicos deberían respectar a elección da muller e, no caso de que fique embarazada, vixiar a evolución do feto e, por suposto, ter en todo momento a esa muller controlada para evitar abortos innecesarios e riscos que se poden previr.

Isto que semella tan normal e lóxico tivo que vir a dicilo recentemente Munther Kamashtha, director da Unidade de Investigación de Lupus no Hospital Saint Thomas de Londres, porque, anque pareza incrible, en Galicia, a estas alturas, aínda se lles nega de xeito despótico a maternidade ás mulleres lúpicas. Hai casos nos que se practicaron ligaduras de trompas por sistema a mozas en idade fértil, outros casos onde tras un aborto por falta de seguemento médico se aproveitou para esterilizar á muller…aberracións que a día de hoxe son imperdoables e que implica que as mulleres seguimos sen ter capacidade de decisión, que se nos segue a tratar como anacos de carne con ollos e que, a día de hoxe, non se nos permite decidir sobre a única cousa que nos pertence: o noso corpo. É para pensalo.

Comentarios