Ata maio de 2017: Certame dotado con 4.000 euros

N. Piñón: "A lingua alcanza plenitude coa literatura"

A escritora brasileira de orixe galega participou en Cotobade no acto de presentación do concurso que leva o seu nome
A autora brasileira, no transcurso da súa charla maxistral sobre literatura, este venres en Cotobade
photo_camera A autora brasileira, no transcurso da súa charla maxistral sobre literatura, este venres en Cotobade

"É importante que perviva un premio de Relato Breve, que non morra, aínda que non leve o meu nome, pois os escritores van traballar co galego, cunha lingua que necesita ser traballada para se perfeccionar. É a literatura a que consolida a lingua e esta alcanza a plenitude coa literatura". Esta é unha reflexión da escritora Nélida Piñón, autora brasileira de orixe galega e renome universal que volveu este venres a Borela para reencontrarse coa aldea na que pasou momentos da súa infancia, pero tamén para tenderlle a man á literatura galega amadriñando a segunda edición do Premio de Relato Breve que leva o seu nome e que quedou convocado oficialmente co acto celebrado no Concello cotobadés. 

Nélida Piñón mesmo tivo tempo de rememorar a súa primeira chegada nun trasatlántico inglés a Galicia, unha terra que defende a ultranza e que, sen embargo, atopou escura e fría, un mes de novembro, cando tiña doce anos. "Cando viñemos, meu pai mandou comprar maletas e baúis e enchelos con todo tipo de cousas que non caducaran, desde a marmelada ata a seda. Non había nada. Lembro aquelas mulleres que nos chamaban con voces guturais no porto, e que me acolleron con abrazos, e lembro que chovía tanto que os coches non puideron subir pola pista en Borela, fixeron falta as vacas", rememorou.

 "Falo de Cotobade como se fora París"

Ese contacto con Galicia con inicio adverso, confesou, ten parte de culpa "na miña espiritualidade, pois sempre me fixo lembrar que eu son antiga, que son de Cotobade". A escritora enlazou a súa paixón pola terra do Canón de Pau coa súa paixón polos clásicos gregos, e arrincou unha risa aos asistentes ao confesar que, segundo quen a rodea, "falo de Cotobade como se fora París". 

A autora fixo unha defensa da importancia da existencia dun premio literario como vehículo para manter os talentos. "A sociedade ten que traballar para que o talento non esmoreza, para facer crer ao artista, ao escritor, que el é fundamental na sociedade, que é indispensable", declarou. 

Na presentación do certame estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario técnico da mesma Consellería, Jesús Oitavén, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o alcalde, Jorge Cubela. Tanto Lorenzo como Leal coincidiron na importancia de unir forzas para promocionar a creación literaria. 

Leal tamén salientou o papel da difusión dos traballos gañadores do certame, unha tarefa que xa asumira a Deputación na anterior convocatoria coa impresión do relato gañador. Anxo Lorenzo destacou o feito de que a nova edición incluirá dous accésits e permitirá "darlle a oportunidade a outros dous autores de ver premiado o seu traballo".

Comentarios