Nene, caca-talán

Xa saben que en Iberia, hai non pouca xente que ten por deporte pór a caldo aos cataláns. Son malos, malísimos, teñen cornos e rabo, e mesmo hai quen comeza a sospeitar que a serpe que tentou a Eva era catalá e chamábase Montse.

Por suposto, todas as maldades dese pobo de ruíns vense especialmente proclamadas cando xorden asuntos como o da financiación autonómica, tan de actualidade nestas xeiras. E resulta que, como non podía ser doutro xeito, os cataláns serán os culpabeis de que os galegos vexamos diminuída a nosa porción cando mamá España reparta a larpeira.

Claro, isto non é máis ca un novo chanzo na escada de maldades catalás na que se atopa, entre outros, o de seren sempre eles os que deciden a gobernabilidade do Estado previo paso por taquilla ao partido que aspira a dito goberno. Co cal, e mesmo a risco de que o señor Touriño me acuse de aldraxar á intelixencia (á de quen?), só se me ocorren dúas solucións: ou prohibir terminantemente votar aos cataláns ata que voten o que en Madrid queiran que voten (si, si, prohibir, prohibir, que gusto, que gusto), ou mudar o modelo de financiación de tal xeito que sexan as comunidades autónomas as que recaden os seus impostos, e as que pacten entre elas que porcentaxe aportan á financiación do Estado en xeral.

Ou o que é o mesmo: o que ocorre en moitos estados federais modernos, algún deles afervoadamente admirado por algún abigotado ex-alto cargo. Algúns din que isto suporá en Galiza o pranto e renxer de dentes pola miseria que nos traería. Outros retrucan que este país ten recursos abondo como para autofinanciarse. Outro feixe non ten nin prostituta idea do tema, pero así de que se enteran que andan os cataláns polo medio, xa teñen claro a onde apuntar co dedo xusticeiro.

E ao final, a cuestión é sempre a mesma: cara a onde queremos levar este Estado autonómico no que uns condicionan gobernos e todos nos zoscamos polo anaco meirande de larpeira? Porque o malo non é que haxa un problema, senón facer como que non o hai. E os problemas son como a carepa: poden afastarse ou finxirse que non se teñen, pero volver, volven sempre.

Comentarios