Neutralidade da rede

Imaxinen por uns minutos que o seu teléfono Vodafone non admitise chamadas de Movistar. Ou que o seu ADSL de Jazztel non permitise acceder á páxina web de R. Iso é o que ocorrería se non existise a chamada neutralidade da rede. Desde que empezou esta loucura da conectividade total foron moitas as voces que se apuntaron a dous debates. O primeiro, relacionado co papel dos Estados en todo o proceso de comunicación pública, e o segundo sobre o poder dos operadores sobre o tipo de información que demanda o usuario. Os dous temas xiran ao arredor da concepto «Neutralidade da rede», que defende a liberdade total do usuario para acceder ao que considere, independentemente da súa tecnoloxía de conexión, do lugar no que estea e do operador que presta o servizo. Iso é o que permite que poidamos contratar Internet para casa coa compañía que mellor tarifa teña sen que iso implique ter restricións, máis alá das propias do contrato como a velocidade de conexión. Agora, nos Estados Unidos están valorando transformar esa neutralidade da rede nun sistema no que cada operador pague un canon polo tipo de conexión que lle ofrece aos seus clientes. Por exemplo, que Movistar, por poñer un caso, pague máis ao Estado por ter un servizo que permita chegar con máis capacidade ao meu fogar. Ou que R pague máis ao Estado por ter a posibilidade de ofrecer servizos de vídeo baixo demanda. As voces críticas son moitas, desde grandes empresas do sector ata os usuarios. Todos entenden que o Estado non debe establecer autopistas, estradas nacionais e corredoiras para acceder a internet. Buscamos que todos teñan a posibilidade de lanzar os seus contidos nas mesmas condicións e só o usuario decidiría o que está disposto a pagar por cada servizo. Eu concordo con esta postura. As tecnoloxía da conectividade xa se consolidou na nosa sociedade e non vai desaparecer. Creo que é unha situación boa, de progreso, e polo tanto o Estado debe garantir unha serie de servizos que permitan establecer unhas normas de xogo que todos poidamos cumprir. Se seguimos coa metáfora das estradas, tanto dereito ten un señor de Moraña a circular por unha estrada coma un de Pontevedra. Por iso as administracións deben facer os esforzos necesarios para que todos teñan acceso. O mesmo debe pasar con internet. Non debemos permitir que unha compañía limite o acceso a determinados contidos, como fai o goberno Chino, nin que un operador bloquee información publicitaria da competencia. Falando cun bo amigo do tema deume un punto de vista diferente. El explicoume que as principais innovacións veñen da man dos sistemas non neutros e púxome de exemplo a Apple, unha compañía que nunca apostou pola neutralidade –de feito é a única grande americana que non pide a neutralidade-. Sempre defenderon a exclusividade do seu modelo e por iso calquera que teña un iphone ou un ipad ten serias dificultades para traballar en entornas non similares. Xustamente esta é unha das principais causas da innovación en Apple. Creo que ten algo de razón, pero aínda así, o dereito a poder usar todos as mesmas vías de comunicación debe ser predominante.

Comentarios