«Nin a mellor novela de Dashiell Hammett»

PON1510P77F1b.JPG
photo_camera PON1510P77F1b.JPG

Madrugada do 23 de novembro de 1897, aldea de San Marcos (Forcarei). O prestamista Xoán Rei é asasinado na súa casa diante da súa muller. Cúlpase a unha cuadrilla de foraxidos, mais finalmente a que vai presa é a súa dona. Seguindo polo miúdo o Diario de Pontevedra da época, Calros Solla revolve, cen anos despois, no crime de Pardesoa.

 

o asasinato da emperatriz de Austria. A Guerra de Cuba. O caso Dreyfus en Francia. A chegada do cinematógrafo a Pontevedra. «Todo iso rodeou o crime de Pardesoa», contextualiza Calros Solla (Pontevedra, 1971). «Nesa atmosfera aconteceu todo». Na madrugada do 23 de novembro de 1897, na aldea de San Marcos, freguesía de Pardesoa, concello de Forcarei, o prestamista Xoán Rei foi asasinado na súa casa. Así o recollen as crónicas. «Dei coa nova por casualidade nun Diario de Pontevedra e quedei enganchado á historia. Era un caso fascinante: unha auténtica novela negra por fascículos publicada na prensa». O mestre, etnógrafo e escritor revolve, máis de cen anos despois, nun suceso rodeado de misterios, no que se viron involucrados personaxes como Augusto González Besada e que conmocionou á sociedade da época. Faino nun libro sen rastro de ficción que posúe, sen embargo, todas as virtudes dunha novela negra: ‘O crime de Pardesoa’ (Morgante).

E, sen embargo, isto non é unha novela.

Non, non é un relato de ficción. E iso que me teñen dito que tiña que ter escrito unha novela. Para que? Para que meterlle ficción? Para estragar unha realidade tan potente? Este é un libro que recompila e ordena toda a información que existe sobre un acontecido real. Quería que o lector gozase da verdade como gocei eu. Todo comezou cando empecei na rebusca da prensa histórica e iso acabou por converterse nun auténtico vicio, un vicio perigoso cando das cun material como este. Batín con este crime de ‘cadradela’ mentres traballaba no baleirado da prensa do século XIX no que atangue ao concello de Cerdedo.

Pero o suceso foi en Forcarei.

Certo, pero houbo unha confusión durante uns días e as primeiras informacións sitúano en Cerdedo porque foi un veciño desta localidade o que baixou a Pontevedra tres días despois do crime a dar aviso no Diario de Pontevedra e na Audiencia Provincial de que nin o xulgado municipal nin o da Estrada tomaran cartas no asunto. A cousa esquecíase e ninguén investigaba que tiña pasado exactamente: alí mataran a un home e parece que puidera ser unha cuadrilla de foraxidos, pero non había nada claro. A procedencia do informante derivou nesa confusión no publicado, por certo, en primeira páxina.

Case como pasa hoxe en día, a presión da prensa funcionou para comezar unha investigación oficial.

Exacto. Daquela ademais os xornais eran a única forma posible para a dar a coñecer o que pasaba: non había televisión nin redes sociais. A Audiencia Provincial toma cartas no asunto e envía a Forcarei ao tenente fiscal Melero e ao comandante da Garda Civil Solanes. Todo moi novelesco e cinematográfico: dous homes de fóra de Galicia metidos nunha aldea como San Marcos da que non ían sacar absolutamente nada ata que son relevados do caso. O caciquismo declarara unha omertà.

¿Naquelas aldeas funcionábase con códigos mafiosos?

Absolutamente. A consigna é que ninguén axude na investigación. Que ninguén diga nada. Os nosos problemas solucionámolos nós segundo a nosa propia lei. Non ten que vir ninguén de fóra a meterse nas nosas cousas. O poder do caciquismo en Terra de Montes é proverbial e neste caso determinante en toda a causa.

A sorpresa salta cando o caso toma un xiro inesperado.

Exacto. A muller deste vello rico prestamista, unha rapaza nova e fermosa que era a súa herdeira universal ata ese momento no que el seica acababa de pedir cita no notario, cae nunha serie de contradicións e remata detida. Ármase unha boa: acúsanos a ela e a un cuñado do falecido de conspirar para matalo. Pasan en prisión máis dun ano. E velaquí que da súa defensa se vai facer cargo o mesmísimo Augusto González Besada, que con 34 anos é xa un prestixioso avogado criminalista. É que a historia ten todos os ingredientes do xénero. Nin a mellor novela de Dashiell Hammett ou Raymond Chandler.

Mesmo dunha película.

Se estivese vivo Chano Piñeiro...

O caso é que Álvarez Besada consegue que declaren inocente á viúva.

Funcionou como un auténtico Perry Mason ante a acusación e o xuíz. Nin sequera acudiu á primeira sesión do xuízo: como a estrela que era foi só para presenzar ás testemuñas desdicíndose e aos seus médicos, Temes e Sobrino, desmentindo as teses dos forenses de Cerdedo. Neste punto é espectacular o testemuño de Xoaquín Temes, que compara o asasinato de Xoán Rei co magnicidio da mesmísima Sissi Emperatriz.

Iso si que debeu impactar na prensa da época.

É que do máis interesante do caso é a pelexa brutal e encarnizada que manteñen dúas cabeceiras da época, como son Diario de Pontevedra, dirixido por Landín, e La Correspondencia Gallega, dirixido por Millán, por informar sobre os feitos. A rivalidade entre os dous é feroz e deixa cousas tan divertidas como plaxiar un ao outro indicando: «según un colega local...».

Comentarios