No nome do pai

En poucas semanas déronse tres feitos que, sen teren en principio relación os uns cos outros, remataron xunguidos pola idéntica reivindicación lanzada desde certos sectores sociais.

Primeiro foi a retirada das subvencións, por parte da Consellería de Educación, aos centros concertados que arreden ao alumnado de distinto sexo. De seguido, a sentenza do Tribunal Supremo que negaba o suposto dereito a obxectar á matería de Educación para a Cidadanía.

E por último (e temo que non derradeiro), a manifestación do pasado domingo en Compostela dos curiosos pro-bilingüistas que cren que para acadar unha ''Galicia bilingüe'', debe aumentar aínda máis o desequilibrio social entre castelán e galego postergando a este dos escasos lugares onde se trata (?) de garantir a súa presenza (menudo bilingüismo).

Todos estes feitos, en principio desconexos entre eles, tiveron sen embargo un nexo de reivindicación común: o ''dereito dos pais a elixiren'': a educación, o idioma, e sabe Deus que cousas máis, até que os fillos se limiten a ser unha mera fotocopia de papá-mamá e non seres con coñecemento para decidiren libremente.

Ben sei que parece un pouco forte isto que estou a debullar, pero acho que razóns non me faltan. Porque nos tres casos que nos ocupan, o ''dereito dos pais'' a escoller ten algo en común: a negación aos seus fillos de realidades que conviven decote con estes: Que no mundo hai homes e mulleres a compartir con normalidade espazos de convivencia? Non, por Deus (nunca mellor dito), na escola non!

Temos dereito a ocultarlles aos nosos fillos esa realidade tan perigosa nun eido tan serio como o da escola. Que na nosa sociedade hai outras formas de vivir e convivir alén do que a nosa relixión determina, e deben ser respectadas tanto unhas coma outras? Non, por favor, meu pequerrechiño non, que non se entere de cousas semellantes!

El non debe coñecer máis mundo có que papá e mamá lle queiran amosar. Que na nosa comunidade hai dúas linguas faladas por todo o territorio? Ay, no, pur favor, que nuestro rapaz nu te se nus mezcle cun esu del guellegu, que el castellanu es lu qui oye desde que lu llevaba cugidu en el colu cuandu era pequerrechu.

Resumindo: cando o ''dereito dos pais'' a decidir revírase en ''dereito'' a negarlles aos seus fillos o coñecemento da realidade que os rodea, estase a atentar gravemente contra do dereito dos propios rapaces/as non só a dito coñecemento, senón a desenvolver un espírito crítico verbo do mesmo.

Por dicilo pitagoricamente, o ''dereito'' dos pais a decidiren que realidade do seu mundo inmediato non queren que coñezan os seus fillos, é inversamente proporcional ao dereito destes a se desenvolveren como homes e mulleres libres. Aaaaah, carallo (con perdón), aí lles doe. Non vaia ser que ao meu rapaz acaben por lles parecer ben os matrimonios homosexuais. Non vaia ser que a miña ruliña acabe decidindo que quere usar o galego na súa vida. Non vaia ser que a miña prole non saia (horror!) á miña imaxe e semellanza.

''¡Mi hija nunca hablará gallego!'', dicía exaltada unha nai desas que enchen a boca coa palabra ''liberdade''. Pois xa ven: a súa liberdade para decidir a lingua da súa filla, choca brutalmente contra da liberdade da filla para ser ela quen escolla en que idioma falará.

Pero non teñan coidado: seguirán a montar manifestacións co apoio dos trogloditas mediáticos que xa coñecemos, e algún ca outro apoio de última ou penúltima hora, como o daqueles que en vez de ser ''antidisturbios'' semellan máis ben ''pro-disturbios'' (ver vídeos na rede que o demostran), e que mentres noutras convocatorias tenden a reducir o número de asistentes, nestes casos subíronos até case o dobre do que os medios de información sinalaban. Pero sexamos comprensivos. Facíano ''no nome do pai''... pero sen os fillos.

Comentarios