"Levamos 23 anos pelexando, somos un grupo unido, e aquí non vai haber manexos"

Santiago Carballo: "Non nos plantexamos outro escenario que acadar a maioría absoluta para gobernar"

A ilusión que está xerando en Portas a candidatura formada arredor do BNG e o PSOE, co apoio de varios colectivos sociais do municipio, e o contrapunto que supón a unión da esquerda son dous motivos polos que Santiago Carballo afirma que deu o paso de aceptar ser o alcaldable dun concello que di coñecer ata o último recuncho
Santiago Carballo ten unha longa traxectoria na política municipal
photo_camera Santiago Carballo ten unha longa traxectoria na política municipal

Asegura sentirse cómodo no traballo e que non entraba nos seus plans ser candidato á Alcaldía de Portas. Santiago Carballo (Portas, 1952) afirma que aceptou por amor propio e porque tivo un apoio unánime. Pensa que se aveciña un momento histórico.

Que motivos levaron a varios partidos e colectivos á formación dunha candidatura conxunta?

Escoitabase entre os veciños que había que facer algo. Sabiamos que a xente quería que a esquerda chegase a un entendemento. Vendo que se fraccionaba a dereita, empezamos a barallar esa posibilidade. Despois de moitas reunións, decidimos ir unidos e intentar acadar a Alcaldía.

Custou moito traballo?

Foi un labor bastante longo. Aquí xurdiu un grupo de xente desencantada con Roberto Vázquez, a raíz do PXOM, que o alcalde fixo achegando a ascua á súa sardiña. Lonxe de integrarse en outras candidaturas, tentou facer un grupo e se puxo en contacto co PSOE. Tratamos de artellar algo, e cando estaba feito, ao seu candidato, Víctor Estévez, ofrecéronlle liderar o PP, e o resto decidimos ir xuntos.

Que fórmulas barallaron?

Tentamos facer unha coalición, pero pensamos que non era doado. Nunha asemblea, o PSOE, que ten un concelleiro, decidiu unirse ao BNG, que ten dous. Houbo una gran xenerosidade por parte de todos porque a algunha xente non lle encaixaba ir nas siglas doutro partido. Ao final, todo o mundo acatou a decisión polo ben de Portas. Noutra asemblea, presentáronme como candidato, votouse e fun elixido por unanimidade.

"O candidato do PP dixo que non, pero entra Louzán e habería que ver a autonomía que ten"

Como valora ese apoio?

Eu non tiña ningún interese en presentarse ás eleccións porque estaba moi cómodo, aínda que seguía loitando desde fóra, como levo toda a vida desde que se perdeu a Alcaldía por unha moción de censura.

Entón o alcalde era Juan Manuel López Barreira. Que aconteceu?

Era alcalde por Parroquias Unidas de Portas. Roberto Vázquez, que fora de dous no CDS con Juan Manuel Barreira nas eleccións anteriores, pasouse ao PP e tivo o apoio do PSOE para ser alcalde. E desde aquela, ata hoxe.

Que expectativas manexa a candidatura que encabeza?

Ao producirse a división no PP, cos datos que manexamos calculamos que sacaremos cinco concelleiros. Seremos a lista máis votada case cos mesmos votos da suma dos conseguidos polo BNG e o PSOE nas anteriores eleccións. Se chegamos á xente, que está moi descontenta por moitas cousas, pensamos que poderiamos acadar a maioría absoluta. Non nos plantexamos outro escenario.

Como espera que sexa a campaña electoral?

Sabemos que Roberto Vázquez xa empezou fai un par de meses coa campaña electoral. Agora mesmo non hai máis que piche neste concello. Está asfaltando o que é bo e o que é malo. O caso é contentar aos veciños. E incrible que o faga despois de catro anos sen facer nada. Todo a présa e sen moito criterio profesional. É unha irresponsabilidade porque son obras que quedan mal feitas.

Enfróntanse a dous partidos moi rodados na loita electoral.

Traballaremos coas nosas armas. Roberto leva moitos anos pero é un home que está condenado por falsidade documental e iso ten que pesar. Aquí hai un déficit democrático impresionante nos últimos plenos, insultou ao líder da oposición. Está fora da realidade e a xente está farta. Xa sabemos que o Partido Popular, cos cartos de todos, é unha máquina moi ben engraxada. Nós temos una xestión feita na oposición e un grande equipo, capaz de sacar esto adiante.

Como valora a Víctor Estévez, candidato do PP, que estivo no CDS.

Persoalmente, non teño nada que obxetar. Non teño o máis mínimo reproche. No eido político, aínda que haxa as lóxicas diferenzas ideolóxicas, con el podese chegar a un entendemento. A razón non pode someterse á ideoloxía. O pero que lle poño é que dese un bandazo cando loitaba por facer unha fronte contra Roberto e nos deixase a todos plantados. Iso fai que se resinta a súa credibilidade.

"Non se pode xestionar o Concello como una empresa ou unha comisión de festas"

Pensa que sería posible un pacto entre o Partido Popular e o grupo de Roberto Vázquez?

O candidato do PP dixo que non, pero logo entra Louzán e habería que ver a autonomía que ten para tomar certas decisións. Penso que non quere que siga gobernando Roberto pero, chegado o momento, eu teño as miñas dúbidas. Non nos plantexamos outra opción que ter a maioría absoluta.

Que espera toparse no Concello?

Á oposición dáselle moi pouca información, pero sabemos que hai un bo buraco. O presuposto deste ano vai quedar hipotecado polas obras que se están facendo, e hai una débeda histórica que pasa do millón de euros nun concello de 3.000 habitantes.

Que pautas seguirían no caso de acadar o Goberno de Portas?

Queremos que sexa participativo e a xente non se sinta estraña. Que sexa ben atendida. Nós plantexamos que calquera grupo, asociación ou comuniadde de montes poida falar nos plenos. Non hai ningún problema porque exprese a súas inquedanzas ou queira plantexar ideas para mellorar o concello. Faremos o programa escoitando á xente.

O alcalde debería ter adicación exclusiva?

Non se debe xestionar como unha empresa ou unha comisión de festas. Non sei se con adicación exclusiva, pero debe estar no Concello e non xestionando as súas empresa, pasar a firmar e cobrar 42.000 euros. É unha inmoralidade.

Comentarios