''Non son alérxico ao castelán''

En galego, castelán, catalán ou inglés. O vilagarcián non entende de diferencias lingüísticas cando se trata de actuar. O humorista tomará esta noite a Praza do Mar como escenario onde fará desconectar aos asistentes cunha dobre sesión de humor.

Tras a cancelación da actuación de Faemino y Cansado, 'Noites de Comedia' comeza hoxe cun dos actores e humoristas galegos máis recoñecidos dentro e fóra da comunidade: Carlos Blanco. Ofrecerá dous monólgos, un en castelán ás 21.30 horas e outro en galego ás 23.30 horas. A entrada anticipada para cada función custa dez euros e hai un bono para ver as dúas por 15 euros. 

Chega mañá a Sanxenxo co seu espectáculo 'Ao vivo' que recolleu nun DVD e no que recopila os mellores momentos da súa carreira.

O DVD son seis horas con catro actuacións, dúas en galego e dúas en castelán, que fixen na Coruña en xaneiro con 2.500 espectadores. Foi espectacular, nin nos meus mellores soños o imaxinei. Levamos 1,000 vendidos e o 70% foi por Internet, a través da nosa web polo que os enviamos a medio mundo: á Patagonia Arxentina, California, Costa Rica, Noruega, Malta... Esto ten un 'feedback' moi bonito. Un matrimonio que vive na Bretaña agradeceunos o outro día o que lle gustara traéndonos masa de croissants. Houbo un que llo cambiei a unha mariscadora de Carril por un flan. Díxome que non tiña cartos pero tiña galiñas e que mo cambiaba por un flan da casa. Sentinme moi honrado por poder trocarlle o meu traballo polo postre feito coas súas mans.

Defensor da cultura galega e o produto da terra, fai dous espectáculos, un en castelán e outro en galego. Por que?

Por que non? Teño actuado en castelán en Galicia. No cárcere de Bonxe, por exemplo, onde o 70% dos presos eran castelán falantes. Non son alérxico ao castelán pero sei que hai xente alérxica ao galego. Actuei o mes pasado en Madrid no teatro de La Latina, fun finalista do Club da Comedia, traballei con Almodóvar, protagonicei series en Antena 3 e todo en castelán. Confío en que a xente de Sanxenxo leve aos amigos de fora que teñan aquí a verme.

De esta xira que o levará por moitos recunchos da xeografía galega, cal é ao que máis ganas ten de ir a actuar?

En realidade, o lugar onde máis me gusta actuar é aquel onde non estiven antes. Agradoume ir por primeira vez á Illa de Ons, a Rodeiro que estiven este verán ou en Zas, un pequeno concello na Costa Morte. O que me importa é que gozo actuando e en Sanxenxo fágoo. Vivo actuando. Teño o privilexio de non parar de actuar e de escoller onde o fago.

Radio, televisión, cine... qué lle gustaría facer?

O que me gustaría sería seguir como ata agora. Preparo un espectáculo para o ano que ven co debuxante Luis Davila que espero que sexa moi especial. Gustaríame seguir tendo ideas, que me siga apaixoando o que fago. Algún día gustaríame protagonizar 'La Tempestad' de Shakespeare e postos a soñar, que a dirixise o meu fillo, que está estudando para ser director de teatro. Penso que é posible e que o farei. Si a saúde mo permite, con 70 anos espero poder facer o próspero de 'La Tempestad' de Shakespeare dirixida por Lois Blanco. Aí morrerei tranquilo.

Ten medo a oxidarse?

Claro, quen non ten iso? Qué pintor non ten medo a que non lle saian mais cadros? Si o pensas, danche o guión feito. Sanxenxo aparecerá hoxe cun bonito "aparcamiento de yates sobre una batea de la ría de Arousa porque el radar se puso tonto o aparecerá nuestro Froilanciño atacando con un pincho moruno a su primo Pablo en la clase de vela". (Bromea). Esas cousas teñen que sair. Por eso enchemos os teatros, porque a xente quere oir como lle contas que uns tipos que viñan do Albariño, pero non beberan, conseguiron aterrar limpamente sobre unha batea no Grove cando eles ían de Cambados a Rianxo. A 'peña' non é unha ONG, se non lles gusta, non van verte.

Imaxine que mañán vai paseando polo Paseo de Silgar e se atopa con Mariano Rajoy, qué lle diría?

'Suertiña'. Non engadiría nin sequera "fin de la cita", non o considero necesario.

Fai uns meses, unha empresa preguntou no Concello de Sanxenxo pola explotación dunhas minas en Noalla. Como defensor da campaña 'Non á megaminería en Galicia', que opina?

Fixen un video que funcionou moi ben para dar a coñecer o asunto. Son as pulgas que nos traen porque o can está fraco e a can fraco, todo son pulgas. Xa nos meteron a celulosa cando non debían e non hai quen carallo a saque de aí, por máis que as sentenzas digan o que digan. Tamén nos puxeron os depósitos de ferrazo na ría de Arousa que é unha bomba de reloxería, e por máis sentencias que se gañen aínda lle meten un tren... Mexan por nós e decímoslle que é choiva dourada. Eu polo menos intento dicir o que penso e parece que o público responde.

Tres cousas que fai Carlos Blanco antes de actuar cada noite.

Noto como sube a adrenalina e intento ver o tranquilo que estou cunha pelotiña de goma. Dou toques na man e aí vexo se estou calmado. Intento sair ao escenario coa máxima calma posible. O terceiro é lavar os dentes. Sempre lavo os dentes antes de actuar, é unha manía.

O próximo proxecto?

O proxecto que máis ilusión me fai neste momento é ter nove días libres en agosto. Vou ir á Festa da Auga, vouno pasar fenomenal, irei aos concertos da Peregrina, comerei 'que lo flipas' na Illa de Arousa, bañareime todo o que poida e descansarei. Despois teño xa 60 actuacións contratadas ata decembro incluidas tres en Londres en outubro.

Comentarios