Novacaixagalicia mantén o Centro Social e o Moderno en Pontevedra

Novacaixagalicia confirmou este xoves que manterá os seus dous centros sociais e culturais en Pontevedra. A fundación asegura ademais que o fará mantendo a organización de actividades culturais nos dous espazos: o Centro Social Novacaixagalicia e o Café Moderno.

Así llo confirmou a entidade a este periódico través do seu equipo de comunicación, no mesmo día no que se lle fixo chegar aos medios unha nota de prensa anunciando oficialmente o cese das actividades no Centro Social de Cervantes en Santiago, no Centro Profesional de Ourense e na sala de exposicións do Barco, así como o traspaso da xestión da residencia de maiores La Ciudad da Coruña a Geriatros. Pontevedra permanecería desta maneira allea aos cambios máis importantes na obra social Novacaixagalicia, segundo recolle o seu plan estratéxico para os vindeiros cinco anos. Ao que non será allea é a outras modificacións na xestión dos centros como variacións nos horarios e días de apertura, ''ou os reximes de uso destas infraestruturas, antes universalmente gratuitas e que, a partir de agora, comezarán a cobrar pola súa cesión a terceiros'', segundo a nota da obra social. O equipo de comunicación de Novacaixagalicia non sabía de xeito concreto como afectarían estas cuestións a Pontevedra de xeito concreto, aínda que confirmaba que probablemente se vería afectada dalgunha maneira.

Dupricidade de espazos

Coa fusión de Caixanova e Caixa Galicia, a entidade resultante atopouse con dous centros sociais en Pontevedra, ambos en dous edificios históricos da cidade. A comezos do ano pasado, o Ateneo denunciou que Novacaixagalicia planeaba deixar ao Café Moderno como sede do seu Centro de Maiores e trasladar todas as actividades culturais ao Centro Social. Guillermo Brea desmentíao pouco despois e o histórico café pontevedrés seguíu acollendo presentacións de libros e conferencias.

Comentarios