Novas enerxías e visión de presente

O debate enerxético é un dos que me crea maior expectación. Son moitos os prismas que se poden utilizar para aproximarse ao tema aínda que, normalmente, os tiros sempre andan pola economía. 
Hai pouco soubemos do sobrecusto que pagábamos todos por un sistema de reparto de enerxía que parece ser, a todas luces, moi ineficiente. Estamos todos os días falando de modelos de vehículos eléctricos ou híbridos e non hai conversa na que non se fale do custe do combustible, do gas ou da electricidade. 
Se abrimos un pouco máis o foco, os debates radican na seguridade das centrais nucleares ou térmicas, no impacto ambiental das enerxías solares ou eólicas e, por suposto, de todo o relacionado cos residuos. En calquera caso, parece claro que é un tema de interese para os nosos científicos, economistas e políticos. 
Esta semana unha das revistas científicas máis importantes do mundo, Nature, publicou os resultados da investigación dun equipo de científicos estadounidenses do. National Ignition Facility (NIF). Descubriron que é posible realizar unha teoría que leva roldando na mente dos físicos varias décadas pero que nunca puideron probar. 
O dilema era converter ás centrais nucleares en lugares de transformación de enerxía limpa e barata. Ata o de agora, a enerxía nuclear fundaméntase na fisión de átomos pesados, isto é, romper os átomos nun proceso que xera moita enerxía e moitos residuos. O reto era transformar o proceso en fusión de átomos lixeiros para lograr eliminar todos os problemas derivados, como a contaminación e os riscos de descontrol do proceso, que como ben saben, son moitos. 
Se isto finalmente funciona, conseguirase superar unha barreira na ciencia que provocará importantes melloras no noso día a día. Primeiro, abaratará moito os custes e segundo, provocaremos menos danos irremediables para o noso contorno. Todo este tipo de cousas non serían posibles se non estiveramos décadas buscando solucións a través de infraestruturas máis ou menos complexas, como os aceleradores de partículas ou mesmo os sistemas de protección. 
Por iso, os avances en ciencia sempre deben ser considerados como investimento e non como gasto. É moi importante que as entidades que se senten responsables, como poden ser os Estados , as empresas e os cidadáns, entendamos que é preciso crear mecanismos que garantan a evolución do ser humano e as súas sociedades. Hoxe o reto está en crear mecanismos xeradores de enerxía, en facer transmisións inalámbricas de datos, en eliminar enfermidades mortais. 
Só falta que entendamos todo o proceso dun xeito correcto e, sobre todo, non nos poñamos nerviosos no momento de decidir se os cartos van destinados ao futuro ou ao presente.

Comentarios