Novas queixas por non cubrir vacacións nin baixas de médicos na provincia

O PSOE provincial afirma que moitos centros de saúde están rexistrando problemas por falta de facultativos e reclama solucións
Santos Héctor
photo_camera Santos Héctor

O secretario xeral do PSOE provincial, Santos Héctor, denunciou este martes o que considera un "abandono e un deixamento" por parte da Xunta na atención sanitaria en moitos municipios de Pontevedra.

A súa reclamación únese a de numerosos alcaldes e voceiros socialistas da provincia, que espuxeron a situación que se está a producir en moitas localidades nas que os centros de saúde veñen rexistrando problemas derivados da ausencia de facultativos polas súas correspondentes vacacións ou por baixas laborais e que non son cubertas por novos médicos por parte da Consellería de Sanidade.

Para Santos Héctor, esta situación "está a provocar unha merma da calidade asistencial dos usuarios, que teñen que padecer enormes retrasos na atención sanitaria, a anulación de citas ou menores tempos dos facultativos para a súa atención".

Isto está a acontecer en concellos como Cuntis, Forcarei, A Illa de Arousa ou Poio, entre outros moitos, cun problema engadido: que, nestes meses de verán, nas localidades costeiras a poboación se incrementa de maneira moi importante coa chegada dos turistas.

O secretario xeral dos socialistas pontevedreses lembrou que o seu partido vén denunciando estes feitos e así o transmitiu nas xuntanzas do Pacto Local, onde, ademais de esixir que a Xunta asumira o mantemento dos centros de saúde, pediu que se corrixiran as deficiencias na atención sanitaria, prestando tamén unha atención especial a aqueles concellos que presentan unha ampla dispersións e un envellecemento da poboación.

Santos Héctor recórdalle á Xunta que "a atención sanitaria é un dereito fundamental da cidadanía" e "a Consellería de Sanidade non pode usar só criterios económicos e mercantilistas, senón que ten que priorizar outros factores como a dispersión, o envellecemento ou os incrementos da poboación na súa planificación sanitaria", dixo. Por todo isto, o voceiro socialista reclamoulle ao conselleiro unha "actuación urxente para corrixir as deficiencias detectadas en varios centros de saúde de concellos da provincia de Pontevedra onde están a faltar moitos dos seus facultativos".

Comentarios