Madrid recoñece que nove encoros galegos carecen de Plan de Emerxencia

Encoro de Velle sobre o río Miño (AGN)
photo_camera Encoro de Velle sobre o río Miño (AGN)

O Goberno central admitiu que nove encoros galegos carecen de plans de emerxencia. Tres deles tampouco contan coas necesarias normas de explotación debidamente arranxadas.

Así, nestas presas galegas non existe análise e previsión de como actuar no caso dunha rotura ou outro tipo de emerxencia. En concreto, trátase dos encoros situados en As Portas, Azud de Vil, Cameixa-Viñao, Mao-Leboreiro, Edrada Mao, Azud de Cabanelas, Casaio e San Pedro (todos eles na provincia de Ourense) e o de Sequeiros, na de Lugo.

Azud de Vila, Cabanelas e Cameixa-Viñao tampouco cumpren o requisito de ter as normas de explotación visadas e informadas positivamente pola Comisaría da Confederación Hidrográfica do Norte.

O Executivo central recoñeceu estes incumprimentos en resposta a unha pregunta  parlamentaria formulada polo deputado do BNG, Francisco Jorquera. Segundo informaron os nacionalistas, o Goberno central non fixo ningunha referencia a posibles actuacións a levar a cabo para solucionar esta situación.

Plan de Seguridade
O nove de maio de 2006 foi presentado o Plan Especial de Seguridade de Presas, que tiña como obxectivo converter a España no paradigma de "xestión eficiente en seguridade". O Plan respondía á modificación de Lei de Augas aprobada en xuño de 2005.

Nel establecíase que o Plan de Emerxencia dun encoro debe realizar unha análise e previsión das zonas que se poden ver afectadas por unha inundación no caso dunha rotura, establecendo claramente onde deben estar as sereas de aviso para a evacuación da poboación. Deste xeito, os encoros deberían ter unha Sala de Emerxencia e artellar un Sistema de Comunicacións con tódalas institucións implicadas

Por este plan, o Estado ten proxectado destinar ata o 2010 un total de 544 millóns de euros para o mantemento e a adecuación destes encoros, cartos que semella que non chegaron aínda ás infraestruturas galegas.


O encoro de Sequeiros (Quiroga), no Google Earth

Comentarios