The Lizzie Bennet Diaries

Cousa de señoras

Jane Austen morreu aos 41 anos e deixou como legado algún texto en construción, cartas e seis novelas completas ás que o sistema cultural británico lles ten tirado abondo proveito. Cando se cumpren douscentos anos do pasamento da autora de 'Orgullo e prexuízo' ou 'Mansfield Park', sería case que imposible poñerlle couto ás Lizzies, Emmas, Señoras Norris, Darcys ou Harriets que somos quen de atopar a nada que ollemos con atención baixo a moqueta da pérfida Albión

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Un Colin Firth que emerxe das augas coa camisa branca pegada ao corpo. Unha Alicia Silverstone fashion victim nun instituto californiano na tradición noventeira das chick lifts, as películas de instituto protagonizadas por rapazas. Un equipo de storytellers independente a recoller o Emmy á mellor web serie por The Lizzie Bennet Diaries. As feromonas que traspasan a pantalla cando Anne Hathaway e James McAvoy rozan os seus dedos en Becoming Jane. Unha novela paródica con zombis e rapazas instruídas nas artes orientais de matar. A detestable gata Señora Norris de Argos Filch en Harry Potter. O Diario de Bridget Jones: outra vez Colin Firth e a festa da camisa mollada. E todos e cada un dos costume period drama (así é como lles chaman aos seriais ou películas británicos de época) que leva a facer a BBC desde a súa fundación e todas as súas réplicas en canles privadas e producións cinematográficas.

Jane Austen naceu en 1775 na Inglaterra da Rexencia, nunha familia da máis baixa nobreza rural formada por un clérigo anglicano e unha muller cultivada e polos seus oito fillos e fillas. O académico estadounidense Jon Hunter Spence, un dos seus biógrafos, traza un paralelismo entre os personaxes de Pride and Prejudice (Orgullo e prexuízo), os Bennet, e a propia familia da novelista, de xeito que Lizzie Bennet é un trasunto da propia Jane Austen.

Como Lizzie Bennet, todas as heroínas de Austen son excedentes en decorum e moito menos afortunadas en cartos, a excepción da rica herdeira Emma, protagonista da novela homónima. Fanny, de Mansfield Park, é acollida como de prestado na casa dos seus tíos, mentres que as irmás Dashwooh —Elinor, Marianne e Margaret— de Sense and Sensibility (Sentido e sensibilidade) veñen de perder o seu pai e a súa posición. Anne, de Persuasion (Persuasión), ten conta dun cabeza de familia que dilapidou a súa fortuna e a inocente Catherine de Northanger Abbey (Abadía de Northanger) é unha rapaza feliz de clase media.

A Jane Austen atribúenselle a cotío os méritos de ter sido unha avezada entomóloga da súa propia xente, os terratenientes agrarios da Inglaterra meridional dacabalo dos séculos XVIII e XIX que experimentan o envite da puxanza da burguesía urbana e que asisten como se non fose con eles a unha revolución industrial que lles dará a volta aos seus modos de vida.

As rapazas da Rexencia encomendan o seu futuro ao decorum e ás boas maneiras. Velaí o seu patrimonio


E que modos de vida. Un universo de gentlemen e sportmen sen máis ocupación que a caza e os salóns de xogo de Londres, de mistress que son quen de calcular a ollo rendas de milleiros de libras ao ano (máis cargas familiares) e de fillos segundóns que engrosan o Exército da Súa Graciosa Maxestade ou o clero.

E logo están elas, as mulleres en idade de merecer. Que son temerosas de Deus e se fatigan. Que estudan francés cunha institutriz, tocan o piano ou a arpa e cantan coma reiseñores. Que fan labor de agulla e bailan a contradanza; nunca máis de dúas veces co mesmo cabaleiro. Que toman as augas en Bath. E que son evanxelizadas nun compendio de virtudes que consiste en semellar moito máis parvas do que son, pero tampouco demasiado; na arte do flirteo, mais sen que transcenda xamais que elas poidan ter algún tipo de pulsión do embigo cara abaixo. En definitiva, decorum, moito decorum.
As rapazas da Rexencia encomendan o seu futuro ao decorum e ás boas maneiras. Velaí o seu patrimonio. Xogan as súas cartas a facer unha voda decente cun primoxénito, porque no motor económico da Europa moderna que se sabía contemporánea non se estilaban nin as partillas nin as melloras. Todo ou nada.

"É unha verdade universalmente recoñecida que un home solteiro, dunha gran fortuna, precisa unha esposa". A primeira frase de Orgullo e prexuízo é un dos cumios da narrativa en lingua inglesa. Terry Eagleton sostén a súa afirmación na cantidade de flema británica que Austen condensa en tan poucas palabras.

Á vista do século XXI e polos efluvios das adaptacións audiovisuais, podería existir a tentación de encadrar a Jane Austen no xénero romántico, cando as súas pasaxes responden a un pensamento racional e naturalista e os propósitos morais impregnan a súa creación. O seu estilo prolixo e cos adxectivos xustos, o uso da ironía e o sarcasmo e mesmo do humor máis evidente convenceron a un Vladimir Nabokov que se confesara falto de interese sobre calquera narrativa nacida do enxeño dunha muller ata que leu Mansfield Park.

É certo que as tramas están centradas case en exclusiva arredor do matrimonio, pero desde unha contención medida ao milímetro. O mellor dos argumentos, na axenda literaria das Irmás Cartoné do ano pasado, que facía reconto dos bicos nas seis novelas de Austen: catro entre mulleres, catro nos que os homes bican mans de mulleres, dous de mulleres a nenos, tres que implican contacto dos beizos de homes e mulleres e un no que un home beixa un rizo do cabelo dunha muller. Pobre balance de ósculos.

Jane Austen sempre fora máis de maridos de ficción, que dan ben menos dores de cabeza


Os amores en Jane Austen nunca xorden dunha faísca nin son irracionais. O relato acaba por censurar a quen sucumbe aos intereses espurios e á luxuria. A súa creadora malea ao seu gusto a contorna que mellor coñece para ofrecer un retrato nada compracente de xentes pobres de espírito e de moral relaxada, aproveitados, diletantes, ociosos, comelláns, sedutores por deporte... Na galería, cregos corruptos, avaros xenerais retirados, mozos en esmorga permanente, parentes tan ruíns como a Señora Norris e ladies malísimas como Catherine de Bourg.

Se triunfa o amor entre Emma e Mr. Knightley, entre Lizzie e Darcy, entre Catherine e Henry, entre Fanny e Edmund, entre Elinor e Edward, é porque a narradora omnisciente que é Jane Austen logra un equilibrio perfecto entre a súa voz e a dos seus personaxes. Todo encaixa. Todos os xestos, pensamentos e comportamentos éticos da heroína e os do seu elixido conducen de modo obxectivo e inexorable a tal fin.

As novelas de Austen poden non ser sentimentais, pero calquera que pasou polas súas páxinas sabe —sente— que o amor é de verdade. O decorum non permitiría un matrimonio de ficción que non estivese sustentado por un sentimento á altura e, asemade, a autora teima en nós sinalar as terribles vodas de conveniencia nas que se ven atrapadas as súas coetáneas.

Ademais, sabemos polos seus propios relatos que Austen era moi crítica cos románticos, a excepción de autoras como Ann Radcliffle. Abadía de Northanger resulta, de principio a fin, unha parodia das novelas góticas ás que se pretendía reducir a lectura das mulleres no tempo da Rexencia. Catherine, a súa heroína, non ten nada de extraordinario, por moito que ela agoira vivir unha aventura estarrecedora e descubrir un misterioso crime.

"—Imaxino que vostede non debe ler novelas...
—Por que non?
—Porque non é un xénero que adoite agradarlles ás persoas intelixentes. Os cabaleiros, sobre todo, gustan de lecturas máis serias.
—Pois considero que aquela persoa, cabaleiro ou señora, que non sabe aprezar o valor dunha boa novela é completamente necia".

Este diálogo entre Catherine e o seu namorado, Henry Tilney, dá fe da percepción do xénero novelesco que se tiña na Inglaterra de berce acomodado a finais do século XVIII. Terry Eagleton compara o "eu non leo novelas" da era da Rexencia co "eu só vexo os documentais de La 2" de hoxendía: postureo. Eagleton erixe a Jane Austen na primeira autora en lingua inglesa en facer da novela un xénero "nacional" nunha época na que era o refuxio dos marxinais: rexionalistas, folcloristas, secesionistas, anticoloniais, abolicionistas... e mulleres.

Existen moitos debates acalorados entre os janeites, o nome que recibe a comunidade de seareiros ou fandom de Jane Austen en virtude dun relato de Rudyard Kipling, The Jaenites, acerca dun grupo de soldados admiradores da autora. Quizais a máis acendida das discusións ten lugar sobre o compromiso ideolóxico da escritora, procedente dunha familia de fondas conviccións conservadoras. Con todo, as súas narracións zumegan un pensamento que podería coincidir coa da súa contemporánea Mary Wollstonecraft, precursora do feminismo, no que atinxe á liberdade de elixir marido e á necesidade de que as mulleres teñan a posibilidade de formase para corrixir unha situación de desvantaxe nun mundo de homes.

Para Virginia Woolf, o que fai excepcional a Austen é o poder da súa voz narrativa: "[A comezos do século XIX] había unha muller que escribía sen carraxe, sen amargura, sen protestas, sen sermóns. Así é como escribiu Shakespeare (...), e cando a xente compara a Shakespeare e a Jane Austen quizais quere dicir que as mentes de ambos os dous queimaran todos os obstáculos, e por ese motivo non coñecemos a Jane Austen nin coñecemos a Shakespeare e por ese motivo Jane Austen está presente en cada palabra que escribe e Shakespeare, tamén".

Quen foi Jane Austen? Unha muller que lle gañou a partida ao fatum e nunca casou. Seica amou un par de veces, pero non houbo na súa biografía fuxidas en dilixencia a Gretna Green, en Escocia, onde os ferreiros tiñan a potestade de unir en matrimonio a mozos que carecían de dispensa paterna. Tonteou cun hugonote irlandés sen un can e viviu un amor de verán en Devon cun clérigo que falecería pouco despois. Rexeitou unha proposta de matrimonio do irmán dunhas amigas doce horas despois de comprometerse. Aquela non era a vida que quería.

Jane Austen sempre fora máis de maridos de ficción, que dan ben menos dores de cabeza. Na adolescencia fixera dous certificados de matrimonio falsos cos documentos aos que tiña acceso no rexistro parroquial ao ser seu pai o crego. Henry Frederick Howard Fitzwilliam, de Londres, e Edmund Arthur William Mortimer, de Liverpool, son os esposos desta travesura de mocidade na que Austen avanzaba a onomástica dalgúns dos seus personaxes masculinos principais.

Cando faleceu, aos 41 anos a causa dunha enfermidade de Addison, Jane Austen era unha celebridade, a autora favorita do príncipe rexente. Eagleton calcula que non chegaría a gañar coa literatura nin mil libras en toda a súa vida. Iso si, as novelas que tecera para entreter os seus pais e irmáns servíronlle co tempo para ser todo o independente que se lle permitía á filla dun crego. Co seu decorum intacto.

Comentarios