Lunes. 11.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 11.12.2017
El tiempo

O mes de Novembro faranos 'Cóxegas'

Imaxe promocional do espectáculo 'Tragasueños', de Teatre al Detall
Imaxe promocional do espectáculo 'Tragasueños', de Teatre al Detall
Espectáculos de teatro, circo e danza, dirixidos ao público familiar, conforman a programación do Pazo da Cultura para o mes que vén

O Pazo da Cultura de Pontevedra volveu agrupar unha serie de espectáculos dirixidos ao público familiar no ciclo Cóxegas, que chega á súa terceira edición. Trátase de propostas de teatro, circo e danza que se poderán ver os domingos do mes de novembro, ás 18.30 horas, no Pazo da Cultura. As entradas, a un prezo único de 6,25 euros, están á venda en ataquilla.com. Teatre al Detall, Tesperté, o Ballet Norte e a Compañía de Roberto G. Alonso serán os protagonistas da programación, dirixida a nenos maiores de tres anos e ás súas familias.

Os cataláns Teatre al Detall abrirán Cóxegas co espectáculo Tragasueños, unha montaxe teatral inspirada no conto do mesmo título de Michael Ende, que ademais conta coa música en directo do grupo La Tresca i La Verdesca.A obra recibiu o Premio da Crítica de Cataluña 2014 na categoría de mellor espectáculo familiar.

O segundo domingo de novembro será a ver dos granadinos Tresperté, que presentarán Oopart. Historia de un contratiempo, un espectáculo que mestura circo e teatro. A proposta recibiu ata catro recoñecementos (mellor iluminación, vestiario, escenografía e espectáculo de circo de rúa) nos premios Circo Andaluz 2016. Tamén se fixo co galardón á mellor música orixinal en Feten 2017.

A compañía galega Ballet Norte, habitual colaboradora do Pazo da Cultura en proxectos como a programación Faiponting ou o Concerto de Aninovo, estreará en Cóxegas unha coreografía titulada Home de area.

O ciclo pecharase coa montaxe de Zaquizamí, da Companía Roberto G. Alonso, de Cataluña. Trátase dun espectáculo de danza que, como o do Ballet Norte, está pensado para maiores de 3 anos.

O mes de Novembro faranos 'Cóxegas'