Nuremberg

Desde que Convergencia se declarou soberanista, os seus líderes históricos ou actuais aparecen en misteriosos documentos policíacos e en denuncias de non menos enigmáticas señoras tachados de defraudadores ou malandros con contas secretistas na Suíza. Xa non o presidente Mas, senón o seu pai defunto, compareceu nos diarios do pau patriótico español a modo de psicofonía, acusado post mortem de engano fiscal. Logo pegaron coa familia Pujol, especialmente cun renovo do Jordi que mereceu escandalosas portadas de xornal nas que se lle imputaba o delito de ser millonario con apenas corenta anos (grazas a Deus que a Fiscalía atopou unha muller disposta a xurar que Pujol xúnior levou moreas de billetes cara Andorra). Os independentistas cataláns poderían aplicarse este poemeto de Diogo de Souza: Um jura que me viu forçar donzelas, e outro que me viu roubar altares, e meu delito tem cem mil querelas, todas as noites homens mato a pares. Cando xa nos persuadiran de que Cataluña é un lamazal infecto de miasmas corruptores, brinca a noticia de que un tesoureiro do Partido Popular (cerne ou carozo da nación española) tamén abriu cartilla na banca helvética amais de pagar sobresoldos aos persoeiros da formación conservadora. Rajoy subiu á palestra con protestos de inocencia e pouco lle faltou para citar a Jardiel Poncela: Los ladrones somos gente honrada.

Comentarios