NY observa os pilares da terra... galega

‘Sunday at MET’ é o título dun ciclo de actividades do Museo Metropolitan de Nova York a través do que se adican algúns dos domingos do ano a tratar un tema de xeito monográfico, mediante conferencias, concertos e outras actividades. O tema de hoxe é ‘Celebrating the Cathedral of Santiago de Compostela’. Con ese motivo, alí se presentará a maqueta virtual da catedral románica de Santiago de 1211, que parece remitir directamente ás fantasías de Ken Follett para o seu best seller mundial ‘Os pilares da Terra’.

O asunto non é tan tolo como semella se se pensa que o protagonista da novela, recentemente adaptada á televisión, visitaba Santiago de Compostela para ver de preto a catedral. O director xerente do S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, asistirá no Metropolitan Museum of Art of New York (MET) ao acto de presentación deste proxecto didáctico e divulgativo, segundo informou a Xunta de Galicia. «Na súa intervención, Ignacio Santos abordará aspectos como o significado de Xacobeo 2010 ou a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral Románica de Santiago de Compostela que se celebrará o vindeiro ano».

Segundo a Xunta, nesta sesión, que se celebrará no auditorio principal do MET (The Grace Rainey Rogers Auditorium), tamén intervirán os responsables deste traballo realizado polo Experimental Technologies Center da University of California (UCLA), en Los Ángeles. A dirección do proxecto corre a cargo do director desta institución académica, John Dagenais; co asesoramento científico de John Williams, historiador de arte (Universidade de Pittsburg); Fernando López Alsina, historiador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e José Suárez Otero, arqueólogo da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

«Trátase da reconstrución virtual da Catedral de Santiago e a súa contorna urbana tal e como estaba no momento da consagración da igrexa románica, algo que aconteceu en 1211», explica a Xunta de Galicia. «Inclúe, asemade, unha reconstrución virtual, en proceso, das igrexas prerrománicas que conformaron o Santuario de Santiago antes da construción da catedral románica ».

Esta reconstrución, que se pode contemplar na páxina web http://www.etc.ucla.edu/ research/projects/compostela. htm foi xa presentada con moi boa acollida en diversos encontros e congresos en cidades como Michigan, Chicago, Toronto ou Los Ángeles.

Comentarios