O actor Luis Zahera conducirá a Gala do Comercio do Morrazo

O MORRAZO. A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) porá o broche de ouro a súa campaña promocional do Nadal cunha nova Gala do Comercio, que se celebrará o día 12 de xaneiro no auditorio do Centro Social do Mar de Bueu (18.00 horas). A entidade desvelou onte que o presentador do acto será o actor Luis Zahera, ao tempo que destacou que ao longo dos vindeiros días irá dando a coñecer outros detalles do evento, que se agarda teña o éxito de anteriores convocatorias.

Este compostelán, coñecido polo seu papel de Petróleo na exitosa serie ‘Mareas Vivas’, que o lanzou á fama en Galicia, conducirá a gala con total liberdade interpretativa, nunha actuación que se agarda irrepetible e de seguro chea de humor e retranca.

Tras ‘Mareas Vivas’ chegaron para Luis Zahera moitos éxitos na pequena e na gran pantalla, participando en infinidade de series e películas a nivel galego e tamén nacional, ademais de numerosas obras de teatro e curtametraxes.

Entre o seus traballos no cine destacan ‘O lapis do carpinteiro’, ‘El año de la garrapata’, ‘Alatriste’, ‘Spanish movie’ ou ‘Celda 211’. Vímolo tamén en series como ‘Hospital Central’ ou ‘El comisario’. Máis recentemente participou en ‘Motivos Personales’ e conseguiu un papel fixo en ‘A tortas con la vida’, serie dos creadores de ‘Aquí no hay quien viva’.

Ademais, conta na súa traxectoria profesional con espectáculos de humor e xiras de monólogos por toda Galicia.

Na actualidade, Luis Zahera atópase rodando a película ‘Schimbare’, cun papel como protagonista xunto a actriz Candela Peña. E continúa coa súa webserie ‘Entre Pipas’, que se pode seguir a través de Internet.

O actor foi galardoado, entre outros moitos, nos premios Mestre Mateo como Mellor Actor de Reparto en 2004 por ‘El año de la garrapata’, en 2007 por ‘Concursante’, en 2009 por ‘Celda 211’ e no 2012 por ‘Todo es silencio’.

Gran Sorteo. O espectáculo que presentará en Bueu será de entrada libre e gratuíta, e contará cunha importante parte musical que aínda está por desvelar. Será unha gran festa pensada especialmente para poñer en valor o comercio de proximidade e facer protagonistas aos comerciantes locais.

A Gala continuará os éxitos acadados en edicións pasadas, no 2011 en Bueu con Teatro de Ningures e con Salvador del Río como presentador, no 2012 en Cangas cun magnífico Xavier Veiga no Auditorio Municipal e no 2013 en Moaña, co polifacético Carlos Blanco, actor, cómico e escritor galego.

No transcurso da gala procederase ó gran sorteo final da Campaña de Nadal 2013, os agardados tres premios de 1.500 euros, entre todos aqueles boletos que foron rexistrados na páxina www.compranomorrazo.com. Sacarase un premiado por cada localidade (Bueu, Cangas e Moaña) e coñecerase o establecemento que lle deu a sorte. Mentres tanto, ata o día 8 de xaneiro os clientes poden seguir insertando os seus boletos na páxina habilitada para conseguir premios de 50, 100 e 200 euros.

As empresas de Bueu, Cangas e Moaña continuarán entregando as papeletas a aqueles que fagan as súas compras de Nadal no comercio de proximidade.

Ata o de agora foron repartidos 23 premios, entre eles dous de 100 euros e un de 200, sendo o resto de 50. En todo caso, aínda quedan moitos agasallos por saír, polo que Fecimo lembra que “facer as compras de Nadal no Morrazo, ten premio”.

Durante o festival sortearanse os tres premios ‘gordos’ da campaña de Nadal, valorados en 1.500 euros cada un

Comentarios