O Ateneo Santa Cecilia inicia un novo tempo para liderar a cultura de Marín

A nova xunta directiva que preside Lois González Dopazo recuperará o Cineclub realizando os ‘Xoves de Cine’ na Biblioteca Municipal e traerá espectáculos todos os venres á sede do Ateneo
Os membros da xunta directiva do Ateneo marinense presentaron onte a súa oferta cultural
photo_camera Os membros da xunta directiva do Ateneo marinense presentaron onte a súa oferta cultural

Ventan aires de cambio e renovación na veterana institución cultural marinense. O Ateneo Santa Cecilia de Marín iniciou onte unha nova etapa da man da nova xunta directiva, que preside Lois González Dopazo,para poñer en marcha un conxunto de iniciativas que dinamicen a cultura do municipio. Exposicións de arte, presentacións de libros, cursos de formación para todos os públicos, música, cine, teatro ou fotografía forman parte da ampla e variada oferta que teñen preparada para este novo tempo.

Un dos obxectivos principais da xunta directiva é o mantemento das diferentes tradicións da vila como son as Festas dos Maios, o Enterro da Sardiña ou a Danza de Espadas, esta última no marco do Padroado San Miguel. Aínda que tamén se desenvolverán actividades específicas relacionadas co Día das Letras Galegas, o patrimonio de Marín, a natureza e o medio ambiente ou o mar.

NOVIDADES. O Ateneo Santa Cecilia quere comezar esta nova andaina ofrecendo actividades para todos os gustos e que permitan que tanto os socios coma os veciños poidan disfrutar dunha programación cultural diversa e divertida sen ter que saír da vila.

Por iso, a directiva da institución marinense recupera o Cineclub, co lema ‘Xoves de Cine’, que proxectará dúas películas mensuais na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín. Tamén, a partir do mes do outubro, poranse en marcha os ‘Venres do Ateneo’ un ciclo aberto ao público que incluirá actuacións musicais, contacontos e monólogos, entre outros espectáculos.

En canto aos cursos, será a partir do vindeiro martes, 1 desetembro, cando se abra o prazo de inscrición para as diferentes actividades formativas que teñen programadas.

A oferta vai dende os diferentes instrumentos que forman parte da Escola de Música da Banda, xunto coa gaita para adultos e nenos, clases de combo e o acordeón, ata teatro e talla en madeira. Para inscribirse nestas actividades é imprescindible ser socio do Ateneo, quen ofrece cuotas trimestrais asequibles a todos os petos.

Os máis pequenos, os estudantes, os mozos en situación de desemprego ou os xubilados poden facerse socios por 3 euros ao mes, mentres que a cuota familiar, que inclúe a pais e fillos ata os 18 anos, é de 18 euros trimestrais. Os interesados deberán acudir á sede do Ateneo Santa Cecilia situada no baixo da Rúa Caracol, 36 ou no teléfono 986 880 283.

COMPROMETIDOS. A xunta directiva que compoñen Lois González Dopazo como presidente e Isabel Martínez Epifanio como vicepresidenta asegura que «temos o obxetivo de dinamizar con actividades para todos os públicos e gustos a axenda cultural de Marín». E para iso non só realizarán actividades e eventos na sede do Ateneo, senón tamén noutras ubicacións da localidade como poden ser o Museo Municipal Manuel Torres, a Biblioteca Municipal Vidal Pazos ou mesmo as rúas do municipio.

Xulio Pardellas, Celso Méndez ou Pilar Calviño, socios emblemáticos do Ateneo e implicados na iniciativa cultural da vila, tamén forman parte da directiva que comezará a desenvolver en próximos días o seu programa divulgativo de actividades.

Lois González Dopazo asegurou ademais que o seu compromiso é «manter e recuperar o éxito de tradicións coma as Festas dos Maios ou o Enterro da Sardiña, ter ocupada a sala de exposicións e manifestacións artísticas, pero tamén apostar por novas actividades como poden ser un club de lectura ou campamentos culturales que non compitan coas empresas do municipio nin tampouco cos organizados polo Concello».

Comentarios