O BNG califica de «ruína» a lei de reforma dos concellos

Blanco, Giráldez, Martín, Juncal e Fernández, onte en Bueu. c.m.
photo_camera Blanco, Giráldez, Martín, Juncal e Fernández, onte en Bueu. c.m.

O MORRAZO. O BNG iniciou unha campaña galega de movilización contra a lei que pretende aprobar o PP en España de reforma das administracións locais, a cal os nacionalistas califican de «ruína» total para os intereses cidadáns.

Os representantes do Bloque na comarca do Morrazo compareceron onte en Bueu para anunciar as medidas a adoptar nas datas previas á prevista aprobación da lei, entre as que se levarán a cabo charlas informativas sobre «as alternativas posibles ó modelo privatizador, antidemocrático e oligárquico que plantea o PP» e protestas frente á sede da Deputación de Pontevedra, administración que o BNG tamén considera «antidemocrática» e innecesaria.

A formación advirte de que, de levarse adiante a reforma, os servizos básicos veranse empeorados ou directamente suprimidos no eido da asistencia social, cuxos traballadores pasarían a depender das deputacións; nos centros de día; nas escolas infantís e colexios e nas dotacións deportivas, xa que «privarásenos da posibilidade de establecer as nosas prioridades de infraestruturas e planificación de actividades».

O BNG invita ós veciños a informarse acerca dos servizos dos que son beneficiarios «e de que será deles cando xa non se presten» nos concellos.

Na comparecencia de onte, os responsabeis locais foron moi críticos respecto a reforma. Pilar Blanco, de Marín, dixo que «están a tramitala pola porta de atrás, é unha lei que retira competencias aos concellos e que privatiza os servizos públicos para convertelos nun negocio. É unha reforma á que se opoñen mesmo moitos alcaldes do propio PP».

Lorenza Martín, responsable de Política Municipal da Executiva do BNG, criticou que se evite calquera tipo de debate respecto á lei e denunciou «a hipocresía do PP, xa que se aduce á débeda dos concellos cando a cantidade de débeda que representan as administracións locais é ridícula e a maior parte da mesma pertence ao concello de Madrid. Ademais, a proposta non ten en conta o espíritu unánime da Fegamp, que rexeita esta reforma».

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, añadiu que «esta pretensión que o PP chama reformista é para nós unha medida neoconservadora e reaccionaria, que terá un gran impacto nos servizos públicos e que será tremendamente negativa, sobre todo, para as familias máis empobrecidas e os colectivos de exclusión social», polas medidas previstas nos servizos sociais. Juncal subliñou que hai modelos alternativos ao do PP para mellorar a xestión no eido municipal sen ter que recurrir a este «sistema oligárquico», afirmación na que tamén coincidiron as representantes locais do BNG en Cangas, Mercedes Giráldez, e Vilaboa, Ornela Fernández.

Comentarios