martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

O BNG de Portas reclama unha recollida de lixo sustentable

Contedores do lixo ubicados nun emprazamento do municipio de Portas
Contedores do lixo ubicados nun emprazamento do municipio de Portas
O contrato con Urbaser, empresa encargada de retirar e tratar os cartóns e os envases lixeiros e voluminosos, caducou en 2016

O BNG do Concello de Portas presentou unha moción denunciando a mala xestión por parte do equipo de Goberno ante a situación na que se atopan os contedores de lixo.

O problema, segundo as declaracións do partido nacionalista, xordiu cando, en xuño de 2016, finalizou o contrato firmado con Urbaser, empresa responsable da recollida e o tratamento do cartón e os envases lixeiros e voluminosos, en xuño de 2014.


Santiago Carballo denuncia a 
"total pasividade do grupo de Goberno ante a inaceptable situación da recollida de lixo"

Segundo o portavoz do grupo municipal do BNG-Asambleas Abertas no Concello de Portas, Santiago Carballo, "actualmente non existe contrato con ningunha entidade para o desempeño de dito servizo, nin tampouco está sendo prestado polo Concello con medios propios". Ademais, asegura que "15 meses despois e ante a pasividade total do grupo de Goberno, a empresa segue prestando o servizo pero de maneira precaria e discrecional, de modo que a calidade do mesmo é inaceptable".

Así mesmo, insiste nos problemas que afectan á comunidade portense, xa que "o material que os usuarios separan na casa acaba nos colectores xenéricos verdes, producindo un efecto desmotivador e maiores custos para o Concello", sinalou.

Polo tanto, o grupo municipal do BNG considera extremadamente necesario "acometer coa maior brevidade posible unha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos no Concello de Portas, orientándoo á reciclaxe e á compostaxe", segundo relatou Santiago Carballo.

O BNG de Portas aposta polo Plan Compost Revitaliza para lograr uns bos hábitos, necesarios para a sostibilidade

En relación coas últimas palabras do portavoz do BNG, o partido aposta, aproveitando a ocasión, polo cambio cara a un sistema que promova hábitos de consumo "sostibles e responsables, que incidan na regra dos tres erres: reducir, reutilizar e reciclar", aclarou Carballo. Para isto, apostan polo Plan Compost Revitaliza da Deputación, "unha magnífica oportunidade para apostar por un modelo que promova bos hábitos de consumo para a salubridade e o medio ambiente", concluíu.

Por estes motivos, o grupo municipal de BNG-Asambleas Abertas de Portas presenta unha moción e solicita o voto favorable no Pleno da Corporación municipal para a adopción de novas medidas sustentables e responsables, ademais dunha boa xestión por parte do grupo de Goberno.

O BNG de Portas reclama unha recollida de lixo sustentable
Comentarios
ç