Miércoles. 13.12.2017 |
El tiempo
Miércoles. 13.12.2017
El tiempo

O BNG de Soutomaior presenta unha iniciativa para recuperar a ponte medieval de Comboa

Unha das entradas da ponte, devorada pola vexetación
Unha das entradas da ponte, devorada pola vexetación
A formación nacionalista denuncia que esta ponte medieval de orixe romana e a súa contorna atópanse nunha situación de abandono e devoradas polas silvas

As silveiras e as mimosas cubren as dúas entradas da ponte medieval de Comboa, ata o punto de que dende moitos puntos nin sequera sexa visible. Ante esta situación, o grupo municipal do BNG presentou unha moción para recuperar o monumento.

Dende a formación frontista critican a imaxe de abandono absoluto dunha ponte que constitúe un dos activos patrimoniais máis característicos de Soutomaior. Nesta liña, o seu portavoz municipal, Manu Lourenzo, sinalou que "unha vez máis, vemos como un monumento único que debería servir para atraer a turistas e visitantes que deixasen riqueza no concello fica nun estado de abandono incomprensible".

A moción presentada polo partido contempla actuacións de limpeza en ambas ribeiras. Para sacala adiante, manifestan a intención de acadar un acordo co resto de grupos, ó entender que "a defensa do patrimonio debe estar por riba de calquera discrepancia política". Ademais, a formación require das administracións responsables a instalación de paneis informativos, a mellora dos accesos e a posta en valor do monumento xa que, a pesar do seu valor histórico, a súa contorna emprégase sistemáticamente como vertedoiro de restos de poda e lixo en xeral.

"En calquera concello do mundo, unha ponte coma a de Comboa sería unha referencia imprescindible", denuncia Manu Lourenzo. O portavoz nacionalista no municipio incide en que "non podemos permitir que iso siga así, por respecto ós veciños de Comboa e de todo Soutomaior". A ponte, foi construída na época romana e posteriormente modificada no século XV, polo que constitúe un monumento de gran valor patrimonial, así coma paisaxístico. Porén, a vexetación descontrolada desloce o seu aspecto e réstalle visibilidade.

O BNG de Soutomaior presenta unha iniciativa para recuperar a ponte...