O BNG denuncia unha "gran falcatruada" no camiño de Aguete

"O conflito entre Gestido e un veciño é consecuencia de poñer a Administración ao servizo do PP e dos seus", afirma Vilaboa Ramos
Zona onde foi ampliado o camiño de Aguete
photo_camera Zona onde foi ampliado o camiño de Aguete

O BNG marinense, aínda que adiantou que non acudirá ao xulgado, acusou onte ao Goberno local de cometer "unha gran falcatruada" no camiño de Aguete, que tivo como consecuencia "o conflito entre o concelleiro Ramiro Gestido e un veciño do lugar", tal como sinalou Xosé María Vilaboa.

O nacionalista lembrou que o proxecto de mellora deste camiño tan só incluía a reposición do firme e a recollida de augas. "A realidade foi que o vial pasou de dous a oito metros de ancho, unha avenida, ata a casa do concelleiro do PP, conlevando a construción de muros e ocupación de terreos privados sen tramitar ningún proxecto, nin expediente de cesión ou expropiación".

Neste sentido, engade que preguntou ao edil Pablo Novas pola actuación e este "recoñeceu que non había proxecto nin expediente de cesións, polo que reclamamos un informe do Servizo de Urbanismo no que se indica que nesta dependencia non se tramitou nada relativo á obra".

"O curioso é que o 8 de xaneiro Urbanismo emite un escrito á Policía Local para que faga unha inspección, pero nunca chegou ao seu destino, xa que o edil da área non o asinou, feito gravísimo e tipificado no Código Penal", sinalou Vilaboa, para engadir que "os técnicos saben que se incumpre o PXOM xa que debería existir un proxecto e expoñerse ao público para alegacións".

A estas cuestións sumouse logo o veciño co que tivo o conflito o pasado domingo o concelleiro Ramiro Gestido (ambos denunciáronse por supostas agresións) presentando varios escritos nos que denuncia que "lle ocuparon terreos que non tiña cedido ao Concello". Vilaboa sinalou que o BNG preguntoulle ao edil sobre esta cuestión e que lle respondeu que "está sendo estudada pola Alcaldía". O nacionalista cre que "son feitos gravísimos, xa que tampouco se tramitou".

Como última cuestión, o BNG sinalou que "en abril de 2011 o Concello denegoulle a licenza de primeira ocupación á vivenda do señor Gestido en base aos informes técnicos por non corresponderse o edificado co proxecto inicial, ao tempo que se abre un expediente por infracción".

"Desde a entrada do PP no Concello non se tramitou o asunto, é dicir, deixárono durmir o sono dos xustos ata hai uns días. O pasado día 9 a Xunta de Goberno local concedeu a licenza de legalización e de ocupación para a vivenda en base a un proxecto presentado o 12 de marzo e cun informe favorable do 1 de abril sen realizar a visita previa dos servizos técnicos ao lugar".

Vilaboa sinala que "o señor Gestido arranxou o seu mandato municipal, cunha licenza de legalización exprés por ser membro do PP, mentres moitos veciños agardan meses ou anos, de xeito que queda claro que o Goberno local pón a Administración ao servizo dos seus pasando por enriba das leis, ocultando denuncias e poñendo en entredito a honorabilidade de quen se atreve a denunciar os feitos en cuestión".

Nesta liña, o BNG reclama á alcaldesa que "tramite as denuncias existentes por estes feitos, que sexan os técnicos os que informen ao respecto e que non se oculten para protexer e beneficiar ao seu concelleiro, xa que é un feito gravísimo".

A polémica polas obras do camiño de Aguete saltou esta semana despois da denuncia cruzada entre o concelleiro Ramiro Gestido e un veciño do lugar por supostas agresións e a defensa que a alcaldesa e o PP expresaron publicamente ao seu compañeiro.

Comentarios