O BNG impulsará un grupo de traballo para recuperar o Lago de Castiñeiras

A voceira nacionalista Pilar Blanco lamenta que o Goberno local se opoña a formar parte da Fundación creada polos comuneiros e lembra a importancia do espazo natural para Marín
Lago de Castilñeiras nunha imaxe de arquivo
photo_camera Lago de Castilñeiras nunha imaxe de arquivo

O BNG anunciou o venres que creará un grupo de traballo co obxectivo de impulsar a recuperación do parque que rodea o Lago de Castiñeiras. Neste sentido, a súa voceira municipal, Pilar Blanco, convidará a participar aos grupos da Corporación, ás comunidades de montes e outros colectivos veciñais e sociais interesados en levar adiante as medidas necesarias con esta finalidade.

"O BNG presentou unha moción o pasado mes de decembro na que propoñiamos constituír un grupo de traballo integrado por todos os grupos políticos da Corporación e polos representantes que designen os comuneiros de Santomé de Piñeiro e San Xulián co fin de analizar as posibles partidas económicas (procedentes de fondos propios ou doutras administracións), que o Concello podería achegar para potenciar o uso social, turístico e cultural do espazo a través do proxecto da Fundación do Parque de Castiñeiras-Cotorredondo", indicou Blanco.

En todo caso, a nacionalista matizou que a proposta contou co apoio de Marea Veciñal e do PSOE, pero que "o PP opúxose de fronte amparándose en informes técnicos, polo que ante a imposibilidade de que fose aprobada retirámola a espera de que o PP recapacitase".

"Lonxe de facelo, reitera a súa negativa a participar na Fundación baseándose na lei de racionalización e sostibilidade local aprobada polo goberno de Rajoy en decembro de 2013, a cal impide que as entidades locais poidan adquirir, constituír ou participar na constitución, directa ou indirectamente de fundacións, lei que o Goberno local do PP incumpre reiteradamente con outros convenios e contratacións, tal como lembra todos os meses o Servizo de Intervención nos seus informes", engade.

A actitude do Goberno local, e en particular da súa máxima responsable, "é de pasividade total ante ao deterioro ao que a Xunta de Galicia, con competencias plenas no mantemento do parque, ten sometido á maior área recreativa de todo o país, e a día de hoxe tamén a máis abandonada", según denuncia o BNG.

"Tal como nos ten acostumados cando de exixir responsabilidades ao Goberno de Feijóo para con Marín se trata, a alcaldesa mira para outro lado e ponse de perfil como se con ela non fora", sinala Blanco, para engadir que "sorprende cando menos, que a máxima autoridade municipal nin se inmute ante o anuncio da Xunta de levar para Cotobade o Centro de Recuperación de Aves de Cotorredondo, máxime cando hai só uns meses anunciaba xunto a Cores Tourís un plan director para recuperar o parque e impulsar o centro".

Finalmente, Blanco sinala que "desde o BNG cremos que é preciso unir forzas para non peder un área cuxa importancia transcende en moito á dun simple espazo de esparexemento. O Concello debe implicarse e os grupos políticos temos obriga de esixirllo, mais tamén podemos achegar as nosas propostas e o noso traballo para salvar todos os obstáculos. Por esta razón, impulsaremos este foro de traballo no que todas as partes teremos que poñer da nosa parte o preciso para dar resposta ao clamor popular de salvar o Lago".

Os nacionalistas consideran que a actitude do Concello «é de pasividade total ante o abandono do espazo»

Comentarios