O BNG pide un orzamento que promova o emprego

Rolda de prensa do BNG na sede de A Veiguiña (Foto: C.B.)
photo_camera Rolda de prensa do BNG na sede de A Veiguiña (Foto: C.B.)

MARÍN. "No próximo Pleno votaremos en contra do orzamento porque, aínda que a xestión económica reflicta unha liquidación positiva, o aforro faise a conta dos veciños e evitando que o aforro reverta na propia cidadanía", afirma a edil do BNG Pilar Blanco para explicar a posición do seu grupo ante o orzamento municipal que vén de presentar o equipo de Goberno do Partido Popular.

Os nacionalistas amosánse críticos cun documento que recorta en varias partidas e non contempla, por exemplo, a promoción de emprego. Pilar Blanco apela á moción do seu partido presentada en xuño, na que expón varias propostas para promocionar o emprego na localidade marinense.

"O PP posicionouse en contra sen dar ningún argumento, mentres que o resto da oposición a apoiou e se amosou favorable a discutila e que se dialogara", recrimina Blanco. A edil nacionalista explica que o BNG só apoiará o orzamento (que irá a votación plenaria o próximo día 13) se este se modifica e desaparecen os recortes en partidas referidas á contratación de persoal e se non se "traga" con que a Xunta de Galicia non financie servizos "sobre os que ten competencia plena", recalca Blanco.

O seu compañeiro nacionalista Xosé María Vilaboa expuxo onte en rolda de prensa os puntos a criticar do orzamento que vén de presentar o Goberno local. "A partida orzamentaria de Medio Ambiente redúcese en case 80.000 euros; a de Promoción e Emprego, en 60.000 porque se eliminan os cursos formativos e as escolas taller; a de Festas tamén baixa e a de Gastos xerais e transferencias, tamén. É máis, o orzamento nace cosas partidas xa esgotadas a día de hoxe, algo normal para un orzamento presentado en setembro", afirma Vilaboa, quen recrimina ó Goberno que non cumpriu coa promesa electoral de "presentar un documento por ano".

Os nacionalistas, pola súa parte, inciden na necesidade de investir na promoción do emprego, xa que o paro afecta xa a "entre 2.600 e 2.800 veciños", recalca Pilar Blanco. "Xa que o Concello ten superávit (ingresa máis do que gasta) nos últimos anos, debería atenderse o problema máis grande de Marín: o desemprego", engade.

Comentarios