O BNG propón que María Victoria Moreno substitúa a Fernández Ladreda no rueiro da cidade

O anuncio prodúcese tralo pacto unánime da Corporación para eliminar os vestixios franquistas e cumprir coa lei estatal da memoria histórica

José María Fernández Ladreda y Menéndez Valdés desaparecerá do rueiro municipal de Pontevedra. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, anunciou este luns que o seu partido, o BNG, proporá ó resto de forzas políticas un novo nome para esta rúa da cidade: o da escritora María Victoria Moreno, á que se lle adicará o Día das Letras Galegas en 2018.

O edil nacionalista cre que hai razóns máis de sobra para cambiarlle o nome a esta avenida e apostar polo dunha muller, un criterio que o Goberno local vén aplicando na apertura de novas vías urbanas. O último exemplo foi o de adicarlle o desdobramento da avenida de Vigo a Josefina Arruti.

A iniciativa pillou por sorpresa ós grupos da oposición durante o Pleno celebrado o luns no Teatro Principal, que naquel momento debatía unha moción de Marea que solicitaba o apoio de todas as forzas políticas de Pontevedra para instar á Xunta a cumprir a Ley de Memoria Histórica e facer cumprir esta normativa na capital provincial "sen máis dilacións".

A proposta da coalición de esquerdas que lidera Luís Rei recibiu o apoio unánime de todos os grupos: BNG, PP, PSOE e Ciudadanos. "Todo monumento que faga referencia ó franquismo debe ser retirado", dixo o concelleiro popular César Abal.

Co que non estiveron de acordo os políticos foi coa posibilidade de crear unha comisión de expertos para decidir que elementos arquitectónicos ou referencias ó franquismo ou a personalidades vinculadas a el, como o propio Fernández Ladreda, deben ser retirados. O Bloque opúxose a esta opción ó mesmo tempo que reivindicou o traballo que o seu partido fixo en favor da memoria histórica en Pontevedra. A proposta de cambiarlle o nome a esta avenida non foi a única durante este mandato. Marea propuxo un bautizo alternativo: o do republicano Manuel Portela.

Comentarios