sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

O BNG reclama unha comisión galega para o accidente do Alvia

A organización ve de "positivo" que o Congreso dos Deputados aprobase esta mesma mañá a creación desta comisión na Cámara estatal

O BNG emitiu este xoves un comunicado no que expresa a súa intención de, con motivo do debate do estado da autonomía que terá lugar a semana que vén, presentar unha iniciativa para a creación no Parlamento de Galicia dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois, que se saldou con 80 mortos e máis de 140 feridos.

No mesmo texto, a organización nacionalista cualifica de "positivo" que o Congreso dos Deputados aprobase esta mesma mañá a creación desta comisión na Cámara estatal, pero considera unha "vergoña democrática" que o veto do PPdeG e o PSdeG permita facer o mesmo en Galicia.

A formación frontista defende a creación deste órgano de investigación para "analizar as causas do sinistro, determinar as medidas necesarias para evitar que se repita un accidente deste tipo e garantir a seguridade no ferrocarril galego", así como para depurar as "responsabilidades políticas desta traxedia".

No comunicado, o BNG destaca o "papel decisivo" da súa actuación ante as institucións europeas, acompañando e mediando polas plataformas de vítimas e contribuíndo á publicación do informe "clave" co que a Unión Europea axudou a facilitar o proceso de esclarecemento da verdade.

O BNG reclama unha comisión galega para o accidente do Alvia
Comentarios
ç