martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

O BNG local solicita que se tomen medidas para solucionar os problemas dos taxistas

O BNG de Marín presentou unha moción na que solicita ao Concello que se adopten as medidas correctoras necesarias para solucionar os problemas denunciados pola agrupación de taxistas de Marín. Ao mesmo tempo, a agrupación nacionalista rexistrou unha proposta do novo regulamento deste medio de transporte público adaptado á nova lei autonómica.

A voceira do BNG local, Pilar Blanco, afirmou que «tanto a Asociación de Autopatronos do Taxi Rías Baixas como outros taxistas a título individual, veñen denunciando dende hai anos graves irregularidades no servizo. O actual delegado de Tráfico ten denuncias destas irregularidades dende o ano 2011 e fixo oídos xordos, pois é incapaz de asumir unha competencia que é exclusivamente súa, xa que estamos falando dun servizo de transporte público que se rixe por un regulamento municipal».

A proposta presentada polos nacionalistas contempla un modelo de regulamento adaptado á nova lei, de maneira que permite actúar «con todas as garantías legais para rematar con todas as irregularidades que veñen denunciando os taxistas de Marín», destacaron. Pilar Blanco sinalou que «xa que a escusa para solucionar isto é que non hai un regulamento adaptado e o Goberno local amósase incapaz de presentar un, o BNG pon un sobre a mesa».

A concelleira destacou que dito documento xa se lle deu a coñecer aos taxistas da localidade. «Tamén presentamos unha moción ao Pleno na cal instamos ao Goberno local á aprobación dun novo regulamento e a súa aplicación, ao tempo que exiximos que se adopten medidas correctoras para solucionar os problemas expostos pola asociación de taxistas», sinalou.

Por outra banda, Blanco lembrou que «o carácter público do taxi implica atender ás necesidades de transporte da cidadanía e a lei obriga aos poderes públicos a harmonizar as condicións entre as empresas de transporte e os propios taxistas, evitando a competencia desleal e protexendo a libre elección do usuario».

A voceira do BNG fixo fincapé en que «o Concello debe intervir para garantir o interese público e a calidade na prestación do servizo, mais a pesar das reiteradas denuncias podemos dicir que Estévez Salazar non fixo absolutamente nada».

O BNG local solicita que se tomen medidas para solucionar os...
Comentarios