O BNG ten previstos ata 250 actos de campaña na provincia de Pontevedra

A formación nacionalista mobilizará a un milleiro de militantes
Demetrio Gómez e Eva Villaverde, este martes
photo_camera Demetrio Gómez e Eva Villaverde, este martes

O BNG sacará á rúa toda a súa artillería pesada na campaña electoral de cara aos comicios xerais do vindeiro día 26. Co lema Para ter voz propia, a formación nacionalista celebrará na provincia de Pontevedra 250 actos repartidos en 14 concellos da comarca (A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Poio, Portas, Soutomaior e Valga), polo que prácticamente se celebrará un diario en cada municipio, e mobilizará a máis dun milleiro de axentes electorais co obxectivo de chegar de xeito "claro, directo e sinxelo" aos votantes para explicar "a necesidade de que Galiza teña voz propia en Madrid, a diferenza do ocorrido nestes últimos meses", os que transcorreron desde as pasadas eleccións do 20-D.

O primeiro evento será este xoves, na Praza de Ourense, ás 22.45 horas, co tradicional acto de pegada de carteis. Estarán presentes o cabeza de lista ao Congreso, Luís Bará; a concelleira de Soutomaior e candidata Olaia Obelleiro; a candidata ao Senado Alba Cuba e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, entre outros. Para amenizar o encontro actuará a agrupación Zurrumalla.

A militancia do BNG terá un papel fundamental nestes comicios pola súa total dispoñibilidade para traballar na campaña. Xa hai 1.007 persoas apuntadas que van colaborar de xeito altruísta que van participar repartindo os programas, falando con todo o mundo e mantendo contactos a pé de rúa coa xente.

NOVA OPORTUNIDADE. O coordinador comarcal da campaña, Demetrio Gómez Junquera, indicou este martes que o BNG pretende "poñer as nosas ideas enriba da mesa" e convencer aos electores "a través das emocións e dos sentimentos" porque "é preciso que Galiza teña voz en Madrid. Esa voz desapareceu ao desaparecer o BNG do Congreso. É necesario aproveitar estas eleccións como unha nova oportunidade", subliñou. Ademais, destacou que Luís Bará é "o mellor candidato da provincia para defender os intereses dos pontevedreses e pontevedresas: iso sábeo todo o mundo, ata nos outros partidos".

"Cremos en Galiza. Non queremos esmolas ou axudas. Cremos nas nosas posibilidades e na nosa capacidade para desenvolvelas. Non precisamos que veña ninguén de fóra para facelo. Queremos traballar por nós mesmos", salientou Gómez Junquera.

A responsable comarcal do BNG, Eva Villaverde, destacou que a campaña será "humilde en recursos, mais ambiciosa en canto a obxectivos". Sinalou que o BNG "non é unha compañía de teatro ou un circo, senón unha organización que quere cambiar o país para que Galiza sexa protagonista do discurso político no Estado".

Comentarios