O Brasil

Estes días, por mor das eleccións presidenciais, fálase moito do xigante suramericano. O Brasil forma parte do denominado BRIC (Brasil, Rusia, India e China), é dicir, do conxunto formado polos grandes estados emerxentes. Cada un deles se está a converter, polo seu continuo desenvolvemento económico, en superpotencia, competindo xa a escala mundial coa economía dos Estados Unidos, e mesmo superando en PIB, no caso de China, ou a piques de superar as tradicionais potencias europeas -Alemaña, Franza e Reino Unido- e ao Xapón.

O Brasil é o quinto estado do mundo por habitantes e por territorio. Nestes momentos xa é a oitava economía mundial, e segue en crecemento. Mantén o liderado en varios produtos agrícolas e en carne de vaca, puidendo aínda aumentar ao dispor de centos de miles de hectáreas sen cultivar -máis que ningún outro país-, víabeis para estes usos. Posúe grandes reservas mineiras e inxentes recursos petroleiros aínda sen explotar na conca de Santos. E conta cun importante desenvolvemento científico e cunha alta tecnoloxía, mesmo aeorespacial. Porén, sería ideal que este crecemento se realizase prexudicando o mínimo posíbel os seus extensos espazos selváticos e naturais, imprescindíbeis para a existencia dunha cualidade medioambiental tamén no resto do planeta.

Que o Brasil acade a condición de superpotencia é algo que nos ten que alegrar, e moito, aos galegos e galegas. Non se pode esquecer que neste recuncho da península Ibérica surxiron nos lonxanos tempos medievais as orixes do idioma do Brasil, e comezou o máis significativo xérmolo demográfico que se expandiu poboando Portugal e logo o que sería o xigante suramericano, e do que os apelidos comúns representan unha proba evidente. De certo que as relacións culturais, económicas e políticas da superpotencia brasileira traerán consigo o medre no mundo do número de falantes da nosa lingua galego-portuguesa. Téñase en conta, deixando de lado falsos espellismos, que a día de hoxe hai máis  persoas que falan portugués en Suramérica das que o fan en castelán.

E quen sabe se a conservación e o prestixio social da nosa lingua galega-portuguesa na propia Galiza dependerán das transaccións e relacións de todo tipo que establecerá o país austral co resto do mundo. A realidade incuestionábel de que temos a mesma lingua, aínda que con variantes fonéticas -como tamén apresenta o castelán de Madrid e o de Buenos Aires, recoñecidas a nivel popular e científico como o mesmo idioma-, debería ser ensinada nas escolas galegas. Para que o noso pobo coñeza dunha vez o carácter internacional da súa lingua -a quinta do mundo por falantes-, a valore como merece e sexa consciente das súas enormes posibilidades.

Hai que potenciar unhas relacións económicas, culturais e políticas fluídas e intensas entre galegos e brasileiros. Con elas Galiza, de xeito especial, resultaría beneficiada. O recentemente creado Instituto Cultural Brasil-Galiza, situado na cidade brasileira de Florianápolis, é un paso máis. Necesitamos non só investir alá, senón que as empresas brasileiras o fagan aquí. Sería bo que Galiza fose unha beira da ponte entre O Brasil co Estado español e con Europa.

Comentarios