O cambio en Taiwán

Estado de feito, pero non de dereito, a República de China ou, como é máis coñecida mundialmente, Taiwán, vive momentos de cambio. A un ano do inicio do mandato de Ma Ying-jeou, o seu actual presidente, a mellora das relacións coa China continental comeza a dar significativos froitos, como é a recente participación, por primeira vez, na Asemblea xeral da Organización Mundial da Saúde.

Este dato, revelador dun entendemento con Pequín que vai máis aló do estritamente económico, comercial e financeiro, evidencia a concreción dun espazo internacional exento de conflito, ata agora negado pola China continental en virtude da escrupulosa observancia da existencia dunha soa China no mundo.

A colaboración entre o Partido Comunista e o Kuomintang (KMT), iniciada por terceira vez en 2005, afasta o temor a unha deriva independentista que poría en perigo a estabilidade e a paz no estreito de Taiwán, unha das rutas de maior importancia estratéxica e de vital importancia para Xapón.

Nos últimos meses, a normalización das comunicacións, indirectas dende 1949; a recuperación do diálogo paraoficial; e, sobre todo, a multiplicación de iniciativas que, ao abeiro da crise, fan causa común para establecer un acordo marco de cooperación económica que evite a marxinación futura de Taiwán na rexión de Asia-Pacífico, son outros datos a ter en conta.

A pesar dese clima, lonxe parece aínda calquera hipótese de unificación. Ma insiste nos seus ''tres non'' (nin independencia, nin unificación, nin conflito armado), mentres remite a 2012 –se resulta reelixido- a sinatura da paz formal co continente. Técnicamente, pois, seguen nese curioso limbo da non-guerra no que van medrando día a día as interseccións da paz.

O xiro radical impulsado polo KMT a propósito das relacións coa China serve de aglutinante para unha oposición que hai escasos días reuniu na capital, Taipei, a ducias de miles de persoas para protestar contra a ''perda de soberanía'' e o entreguismo de Ma.

Sen dúbida, moitos taiwaneses comprenden a importancia dun achegamento ao continente para salvagardar a súa economía e o seu benestar, pero igualmente temen as consecuencias políticas á hora de preservar un sistema que lle garante mellor a protección das súas liberdades básicas. Velaí un dilema de difícil elección que obrigará ao presidente Ma e ao KMT a camiñar sobre o fío da navalla con extremo coidado.

Comentarios