A festa do carneiro ó espeto de Moraña reúne a máis de 2.200 comensais

No xantar da carballeira de Santa Lucía reserváronse máis de 100 mesas e durante a noite púxose fin a esta festa coa actuación de El Combo Dominicano

A XLVII edición da festa docarneiro ó espeto volveu reinar en Moraña, posto que foi todo un éxito. Un ano máis, miles de persoas déronse cita neste concello pontevedrés para degustar un prato de gran sabor. Entre os visitantes destacou a presenza do presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do dirixente do PP pontevedrés, Alfonso Rueda. A carballeira de Santa Lucía é o lugar de maior relevancia para esta celebración, nela reuníronse sobre 2.200 comensais e foi aí onde tivo lugar a preparación do carneiro, posto que se asou con moito detalle, dunha forma lenta, con máis de oito horas de antelación ó evento e ó redor dunhas brasas de madeira de carballo. Máis de 100 mesas nas que collían 20 persoas por unidade foron reservadas.

Nelas servíanse os denominados lotes que incluían un carneiro asado ó espeto de 12 a 14 quilogramos, unha empanada de trigo de zorza e outra de bacallau con uvas pasas, catro moletes de pan, 12 botellas de viño tinto, 12 de auga mineral, un frasco de salsa especial 'Ajilismójilis' para o asado, café, augardente e un servizo completo de mesa. Todo isto por un importe de 300 euros. Estes lotes tiveron que ser degustados enteiramente, sen a posibilidade de acceder a unha única parte do menú. Para poder facer a súa reserva e levar a cabo a comida na carballeira, o concello abriu un prazo de inscripción con máis dun mes de antelación: desde o 16 de xuño ó 15 de xullo. Aínda así, os asistentes tamén tiveron a opción de acudir ós diferentes restaurantes ou bares da zona para degustar esta especialidade. As condicións meteorolóxicas non puideron ser mellores, co bo tempo as persoas animáronse a asistir á zona e gozar dun día diferente, unha xornada na que a gastronomía era a protagonista.


A orixe da festa do carneiro ó espeto de Moraña remóntase ós anos 20 e está ligada ó país arxentino, onde uns emigrantes da localidade comezaron realizando comidas campestres


A festa transcorreu con normalidade, cos problemas típicos dos eventos que albergan a unha gran cantidade de visitantes. O maior contratempo foron as aglomeracións de xente que se produciron na entrada do casco urbán. Aínda así, non só se contou coa presenza de moita xente á hora de comer, senón que en toda a tarde e, sobre todo, durante a noite, multitude de individuos achegáronse ó lugar para gozar do ambiente e presenciar a verbena, na cal o gran atractivo foi a presenza da recoñecida orquestra El Combo Dominicano. Esta tamén estivo acompañada por Samba.

Ademais, desde a mañá do domingo fóronse producindo pasarrúas e actuacións levadas a cabo pola Agrupación de Baile Tradicional e o Grupo de Panderetas Seixebra de Moraña. Ás 14.30 horas comezou o xa citado 'Extraoridinario xantar do carneiro ó espeto' e, máis tarde, contouse cunha sobremesa que foi amenizada pola Charanga Os encerellados e por O linho do Cuco.

Sen dúbida o concello de Moraña esta fin de semana foi un dos grandes atractivos ós que acudir, posto que no sábado realizouse unha verbena de grán éxito debido á 'Gran gala carneiro ó espeto na carballeira de Santa Lucía' na cal se reuniron artistas e grupos de renome tanto nacional como internacional como é o caso de Kate Ryan, Efecto Mariposa, La Ricura e a Festa Kyoto que levou ó lugar variados Djs. Ese mesmo día tamén tivo lugar un partido de fútbol entre o Pontevedra C.F. e oReal Club Celta de Vigo B.

Así se pecharon as festas deste ano, que tiveron un programa repleto de variadas actividades. Estas comezaron o once de xullo cun obradoiro para persoas maiores de idade nomeado 'Conservas da túa horta'. Un concurso gastronómico de carneiro 'Espétalle un pincho' no que participaron os establecementos da localidade, un monólogo impartido polo actor e contacontos Celso Fernández, obras de teatro, deportes alternativos como o 'floorball' ou o 'cachibol', festivais folclóricos, musicais, torneos de tenis ou a IV carreira ó espeto foron algunhas das ofertas de ocio ás que puideron acceder os veciños da zona ou os visitantes interesados.

ORIXE. Esta festa gastronómica honra ó carneiro, algo único en Galicia. A primeira vez que se celebrou foi no 1969 e desde esa data, ano tras ano, vense celebrando a finais do mes de xullo na carballeira de Santa Lucía. A súa peculiaridade e o seu enorme éxito levaron a denominala como de ‘interese turístico’.

A súa orixe remóntase ós anos 20 e está ligada ó país arxentino. Todo comezou cando un morañés que traballara neste país suramericano e un mozo deste mesmo lugar se xuntaron e celebraron unhas comidas campestres. Nestas xuntanzas o que se levaba a cabo era un asado de carneiro que tivo un gran éxito. Por iso, nas celebracións das persoas de Moraña nunca faltaba esta receita. Isto foi un factor fundamental para que tanto o Concello como os mozos e mozas de Santa Lucía, integrantes da Festa da Xuventude, empezaran a organizar unha festa gastronómica con esta comida e que, actualmente, se atopa entre unha das máis famosas de toda Galicia debido ó gran número de público que consegue atraer.

O ano 2016 tampouco defradou, a festa gastronómica en si volveu ser un éxito, pero esta tamén estivo acompañada de múltiples actividades que permitiron que centos de persoas acudiran a Moraña durante este mes de xullo.

Comentarios