O CEIP Carballal gaña un premio da RAG cun reggaeton de Casares

Un vídeo elaborado por alumnos e profesores do centro marinense obtén un dos galardóns do certame 'Contádenos o voso Día das Letras galegas', organizado pola Real Academia Galega

O CEIP Carballal foi un dos cinco gañadores dos premios Contádenos o voso Día das Letras, o novo espazo de participación escolar creado pola Real Academia Galega dentro do proxecto web Primavera das Letras. A iniciativa foi concibida co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade.

O CEIP Carballal participou no concurso co Casares-tón, un vídeo no que se lle pon música de reggaeton e baile ao poema Amemos de Carlos Casares. A peza, instrumentada polo mestre de Música e con coreografía da mestra de Educación Física, involucrou boa parte do alumnado e todo o persoal do centro educativo.

Nesta primeira edición participaron preto de 80 centros educativos de toda Galicia con proxectos que "son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado, axente esencial, xunto ás familias, na transmisión ás novas xeracións da lingua e da cultura galegas", destaca a entidade. Todos eles recibirán un diploma por participaren nesta iniciativa, mentres que os cinco centros gañadores serán tamén agasallados cun lote de libros. A entrega celebrarase o vindeiro 24 de outubro na sede da Real Academia Galega.

Ademais do CEIP Carballal, recibirá o premio o CEIP Antonio Fernández López, de Oural (Sarria), que celebrou o Día das Letras Galegas de Carlos Casares cunha adaptación da súa obra teatral infantil As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, e o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu o seu fogar, que presentou unha peza audiovisual na que inclúe unha entrevista sobre el ao seu fillo, Häkan Casares, antigo alumno do centro, unha representación teatral e lecturas dramatizadas.

Outros lotes de libros serán para a Biblioteca Paula Carballeira, do CEIP Plurilingüe Os Casais de Maniños (Fene), e o CRA Amencer de Ribadavia, que tamén traballou con entusiasmo arredor do 17 de maio, Día das Letras.

Comentarios