O CEIP Santo André de Xeve e o IES Luís Seoane, novas incorporacións da DepoEmprende na Escola

A iniciativa da Deputación chegará este curso a 600 alumnos de 21 centros educativos
Participantes na pasada edición
photo_camera Participantes na pasada edición

O CEIP Santo André de Xeve e o IES Luís Seoane incorporaranse neste vindeiro curso á iniciativa Depoemprende na Escola, impulsada pola Deputación de Pontevedra. O CEE Príncipe Felipe será o outro centro da cidade que participe.

A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, subliñou que esta nova edición do programa chegará a 21 centros de ensino de 14 concellos, dentre eles a 15 colexios de Educación Primaria e Especial. A outra novidade será a incorporación de centros de ESO a través dunha experiencia piloto na que participarán outros seis institutos da provincia. O curso anterior só foron nove.

Silva mostrouse satisfeita pola "excelente acollida" dunha iniciativa "que me ilusiona particularmente", xa que proxectos coma este "son necesarios para fomentar o emprendemento e a actitude dos máis novos. Ogallá que outras administracións se sumasen a este tipo de iniciativas".


Silva subliñou a expansión deste programa e a importancia de apostar polo emprendemento desde idades temperás


Na modalidade de Primaria participarán tamén o CEIP García Barbón e o CEIP Josefa Alonso de Alonso (Vigo); o CEIP Alexandre Bóveda e o CEIP Laredo, que xa estivo o ano pasado (Redondela); os CEIP Plurilingüe da Florida e de Nantes (Sanxenxo); O CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados); o CEP Plurilingüe Riomaior (Vilaboa) e o CEIP Plurilingüe nº 1 de Tui. Entre as novas incorporacións figuran o CPI de Cova Terreña (Baiona), o CPI Mondariz e o Centro de Educación Especial de Vilagarcía.

Ademais, por primeira vez, a Deputación desenvolverá unha experiencia piloto a través da cal tamén participarán seis centros de Secundaria baixo o selo 'DepoEmprende na Escola - ESO'. Serán os IES Luís Seoane (Pontevedra), Ricardo Mella e A Guía (Vigo), Pintor Colmeiro (Silleda), Ribeira do Louro (O Porriño) e o IES Rodeira (Cangas). Neste caso, o alumnado creará e xestionará unha cooperativa de comercio exterior na que intercambiará produtos con cooperativas de estudantes doutras rexións e países. Para iso comunicaranse a través do correo electrónico e manterán videoconferencias e, unha vez obtidos eses produtos importados, tamén os venderán nun mercado local. O alumnado de DepoEmprende na Escola-ESO tamén disporá dunha serie de obradoiros complementarios nos que a rapazada recibirá formación sobre imaxe corporativa, elaboración dos catálogos de produtos e deseño dos puntos de venda. Deste xeito, DepoEmprende na Escola contará este ano coa participación de case 600 alumnos de 5º e 6º de Primaria, Educación Especial e da ESO.

METODOLOXÍA. Ademais do seu obxectivo xeral de adquisición de competencias emprendedoras, o proxecto tamén comprende o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do contorno físico, a creación, a convivencia e a cidadanía ou a alfabetización dixital, entre outras. A comunidade escolar da provincia disporá de, entre outros recursos, un portal educativo en Internet onde se lle ofrecerá información útil e documentos de apoio cos que reforzar os contidos dos materiais didácticos empregados nas aulas.

A metodoloxía encadra ao alumnado no papel de protagonista da súa propia aprendizaxe, "xa que se basea nun traballo dende a práctica onde esa aprendizaxe é activa, cooperativa e significativa, onde a relación entre o centro educativo e os feitos acontecidos no seu contorno máis próximo estarán presentes a diario", subliña a Deputación. A materia incluída neste programa desenvolverase de xeito transversal, de modo que o alumnado adquirirá coñecementos en áreas como matemáticas, ciencias, linguaxe, cultura e tamén competencia dixital, social e cívica.

Comentarios