Ciclismo, o reflexo
dun espello roto

ciclismo1.jpg
photo_camera ciclismo1.jpg

O ciclismo ferido de morte. Os escándalos de dopaxe que dende hai 10 anos golpean o ciclismo onde máis pode doer, no ánimo e  na “fe” do dos afeccionados. Segundo unha enquisa do Journal du Dimanche, un 78% dos franceses non confía na limpeza dunha vitoria ciclista.

O Tour do 98 supuxo unha catarse da que todo o entramado ciclista non se repuxo aínda. A evidencia da dopaxe xeneralizado no Dream Team daquela edición, O Festina dos Alex Zuelle, Richard Virenque, Laurent Dufaux, Christophe Morreau... e a espantada dos equipos españois -Once, Banesto, Kelme- ante a ameaza de endurecer os controis, supuxo a proba definitiva, a evidencia de que o rei estaba espido.  Aquela ferida comezou a supurar aquel verán, pero o paciente levaba enfermo dende había moitos anos, con sospeitas constantes dende había décadas.

Dende entón, e a pesar das medidas draconianas para endereitar a evolución dun dos deportes máis seguido polas audiencias a comezos dos 90, todo foi a peor. Armstrong gañou 7 Tours coa sombra da sospeita sobrevoando en todo momento e a maioría de rivais durante o seu reinado -Ullrich, Pantani, Beloki, Hamilton, Heras, Basso, Sevilla..- acabaron caendo no pozo dalgunha operación antidopaxe ata levalos ó precipicio da retirada.

Un porto sen cima
En marzo do 2006, o ciclismo vivía a súa maior “purga” dende o 98. A 'Operación Puerto' descartaba a máis de 50 corredores da liña de saída do Tour, entre eles Ullrich e Basso, os dous grandes favoritos, así como outros ilustres da talla de Beloki, Mancebo ou Sevilla.

Casualidade ou non, aquela edición foi unha das máis emocionantes das últimas décadas. Sen un claro favorito, as escapadas decisivas e os ataques constantes foron a tónica. A prensa deportiva, sempre áxil á hora de sacar conclusións, argumentaba que unha vez "limpo” o pelotón de tramposos, quedaba a igualdade e a demostración de que as grandes figuras conseguían a súa hexemonía e o palmarés a base de trampas. ¿Estaba o ciclismo remontando a súa rampa máis dura?

Para todos eles que saúdaban o triunfo de Floyd Landis como o máis limpo da historia, o pozo da dopaxe volvía a afundilos en apenas dúas semanas. Ese foi o tempo que tardou o laboratorio de Chatenay-Malabry en facer público que a vitoria de Landis en Morzine -na que recuperaría máis de 7 minutos e que sería clave para quedar primeiro en París- estaba manchada de testosterona sintética. Por primeira vez, un gañador do Tour quedaba eliminado por tramposo, nove meses despois de que Roberto Heras pasase polo mesmo trance logo de gañar a súa 4ª Vuelta a España.

A catarse retroactiva
Neste tempo, a confirmación da dopaxe estrutural doutro dos equipos dominadores dos 90, o Deutsche Telekom -actual T-Mobile-  acabou por minar a confianza dos seguidores. Bjarne Riis, o danés que puxo fin á hexemonía de Indurain, viuse obrigado a recoñecer que gañou o Tour do 96 coa axuda da EPO, despois das confesións de médicos e masaxistas. Ullrich, que o relevaría no 97 no palmarés da ronda francesa, optou por gardar silencio e anunciar a súa retirada.

A memoria queda manchada e estende a sospeita sobre os grandes colosos da historia do Tour. Se Riijs aguantou dez anos sen confesar e o fixo tan só ó verse obrigado polas circunstancias, ¿por que  teñen que ser limpas as vitorias dos Indurain, Hinault, Delgado, Lemond e compañía? Cuestión de fe, que os seguidores parecen perder.

Consecuencias económicas  
Certo é que o ciclismo foi cabeza de turco pola especial debilidade amosada polos corredores. Ninguén se imaxina controis tan duros e exhaustivos a futbolistas ou tenistas, ídolos dourados case intocables. Só os atletas ou os esquiadores compiten baixo un rigor similar ó que se somete ó deporte da bicicleta, dividido ante as constantes loitas internas.

Malia isto, os patrocinadores foron os primeiros en abandonar o barco, cansos de que se asociase o seu nome á trampa e ó xogo sucio. Festina, Phonak, Liberty Seguros, Crédit Agricole, Mapei... Só son algúns nomes dunha lista que aumenta ano a ano, deixando o ciclismo nunha posición aínda máis feble.

As televisións parecen ser as seguintes. Despois do anuncio do positivo do corredor alemán Patrick Sinkewitz, as cadeas públicas ARD e ZDF deixaron de emitilo alegando cuestións de limpeza deportiva. No fondo, só fan patente a lóxica empresarial ante a caída de interese por parte das audiencias. Sen grandes figuras no pelotón, apartadas polos continuos escándalos, e sen a confianza na limpeza, os espectadores prefiren pasar as tardes de verán sen o Tour.

En Francia, berce do ciclismo de alta escola pero que leva máis de 20 anos sen un gañador da terra, case o 80% di desconfiar agora da limpeza e da honestidade do pelotón e dos médicos malia o incremento da loita antidopaxe dos últimos anos.

A pesar de todo, queda un raio de esperanza pois a mesma porcentaxe de enquisados, un 78%, afirma que o ciclismo, como deporte, continúa a ser atractivo. Veremos se se é quen de superar o porto máis difícil da súa centenaria historia.

Comentarios