O Cocido do Orgullo toma Lalín por segundo ano

Yolanda Castaño foi a pregoeira da festa, na que se celebrou un bico colectivo para reivindicar os dereitos das persoas LGBTI
A pregoeira, nun momento do seu discurso
photo_camera A pregoeira, nun momento do seu discurso

O concello de Lalín foi este sábado o quilómetro cero da diversidade grazas á segunda edición do Cocido do Orgullo neste municipio, onde se deron cita centos de integrantes dos colectivos LGBTI galegos, así como simpatizantes, veciños e amantes do cocido.

A festa estivo integrada por una vertente lúdica, con desfiles, música e obradoiros, pero tampouco faltou a faceta gastronómica, con 27 establecementos amigos do Cocido nos que conviña facer reserva para poder degustar este prato que, como indicou a pregoeira, a poeta Yolanda Castaño, se coce a lume lento, do mesmo xeito que se deben entender as diversidades, "xa que non estamos todos no mesmo saco, na mesma pota, senón que se debe atender aos nosos tempos persoais de maduración".

Castaño reivindicou o espírito crítico dunha festa, que debe celebrar e gozar, pero tamén reflexionar sobre o presente e o pasado destes colectivos. O pregón, introducido pola concelleira local Celia Alonso, completouse co manifesto do colectivo LGBTI en Galicia e o bico colectivo e reivindicativo dos dereitos de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e intersexuais.

DEPORTE E MÚSICA. Xa pola tarde, despois dunha parada para degustar o cocido, a carpa da Praza da Igrexa de Lalín voltou a acoller os postos informativos, a exposición Pork Art, a actividade Fotoeduca, unha sesión de xogos tradicionais e a música de Mamá Cabra. A proposta completouse co partido de rugbi entre Madrid Titanes e Coreti Lalín Veteranos, dúas formacións que xogaron un amistoso baixo o lema 'Faille unha placaxe á homofobia.'

Tamén houbo tempo para talleres formativos, como o obradorio para mulleres, coas sexólogas Belén Montesa e Penélope Alonso. Pola noite, desde as 22.30 foi o momento da música, con Las Supremas de Móstoles, The Grooves, Aquí Tamén e Atrás Tigres.

A festa continuará este domingo cunha despedida na que non faltará a sesión vermú, a cargo de The Lakazans, e na que os que queiran poderán recuncar cocido nos establecementos amigos do Cocido do Orgullo.

Comentarios