Jueves. 22.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 22.11.2018
El tiempo

O Concello acusa a Clece dunha "extorsión en toda regra" para prorrogar o contrato do SAF

Concentración de trabajadores de Clece delante del Hospital Provincial
Concentración de trabajadores de Clece delante del Hospital Provincial
Raimundo González garante o Servizo de Axuda no Fogar a todos os usuarios mediante un contrato provisional a Galaurea e outro ponte mentres non se realiza a adxudicación definitiva por catro anos ►CC OO apoia a esta decisión

O Concello de Pontevedra garante a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a todos os usuarios, que son uns 160, na súa maior parte grandes dependentes. O concelleiro responsable da área de Contratación, Raimundo González, explicou este mércores que se tivo coñecemento a través das traballadoras do servizo de que a actual concesionaria, Clece, rexeitou unha prórroga do contrato e lles comunicou por carta a elas mesmas (80) que estaban despedidas e que o mércores sería o seu último día de traballo.

Así mesmo, Clece trasladou ao Concello a resposta á pregunta formulada o pasado luns, é dicir, que non está conforme coa prórroga proposta a pasada semana e acorda non continuar co contrato nas condicións que se lle propoñen, as actuais.

Non obstante, González desvelou que a pasada semana mantivera unha reunión coa empresa na que tamén estivo presente a asesoría xurídica e o xefe do servizo. Naquel encontro, Clece solicitoulle ao Concello un incremento da tarifa de 2,20 euros por hora máis Ive, o que supón arredor de 200.000 euros máis ao ano, é dicir, un incremento do 15% do contrato. "Isto é unha extorsión en toda regra", afirmou o edil, explicaba o concelleiro Raimundo González, quen lembrou a situación vivida con anterioridade polo Concello a cargo da empresa Cobra, "tamén do grupo de Florentino Pérez". Esta táctica "xa lle funcionou a Clece noutros concellos, pero iso é non coñecer a forma de traballar en Pontevedra".

Raimundo González Edil de Contratación 
"As nosas prioridades eran salvagardar os dereitos dos usuarios e velar pola correcta xestión dos fondos públicos" 

María José Rguez. Teso Concelleira do PP 
"En 2013 denunciamos pagos indebidos á empresa por servizos non prestados e o pago dun Ive superior ao correspondente"

A Admistración local entende que a intención da empresa era tratar de "materializar esa chantaxe" dado que tiña prevista unha reunión ordinaria co comité de empresa o 24 de outubro e, "de non ter previsto continuar co contrato, non tería sentido axendar aquela reunión". González asegurou que as prioridades do Concello foron "salvagardar os dereitos dos usuarios", que non quedarán sen servizo nin un día; e velar pola correcta xestión dos fondos públicos ao "non ceder á extorsión de Clece".

Tamén agradeceu a actitude das traballadoras, que decidiran seguir prestando o servizo, independentemente da situación legal transitoria que se puidera producir. Para tratar de salvar esta situación, o Concello chegou ao acordo coa empresa Galaurea a través dun contrato menor para a prestación de 1.235 horas (dende este xoves ata o martes 24). Trátase da adxudicataria do servizo de teleasistencia. Galaurea púxose en contacto este mércores con Clece para obter todos os datos das traballadoras e dalas de alta na Seguridade Social.

Ao mesmo tempo, o Concello está tramitando un contrato ponte ao que se convidará a varias empresas para prestar o servizo polo prezo actual, ata que entre en vigor a nova concesión.

González explicou que se está a traballar no prego do vindeiro contrato do SAF, "que se está movendo a menor ritmo do que a min me gustaría", admitiu. Os motivos, alegou, foi que a ampliación do número de horas concedidas pola Xunta obrigou a modificar a parte económica dos pregos e a ampliar a consignación. Na licitación do novo contrato, o prezo de asistencia por hora é de 14,22 euros a hora máis Ive, fronte aos 14,45 euros actuais. Clece, na proposta económica que lle trasladou ao Concello para seguir prestando o servizo, elevaba a hora a 16,65 euros.

APOIO DE CC OO. Comisións Obreiras trasladou o seu apoio á decisión do Concello. Nun comunicado, o sindicato celebra que o Goberno municipal non accedera á "chantaxe" de Clece. O sindicato denuncia que a empresa intentou manipular ás traballadoras para que "atacaran" ao Concello "para así sacar unha nova prórroga economicamente vantaxosa".

A Federación de Construción e Servizos de Galicia apunta que esta estratexia xa a intentou levar a cabo Clece na Coruña e Pontedeume, onde ameazou con abandonar o servizo se non se satisfacían os seus intereses económicos. "É unha pena que unha empresa que se dedica ao sector de axuda a domicilio estea tan pouco sensibilizada, sen importarlle que a súa estratexia poida deixar sen atención básica a centos de persoas dependentes", afirma CC OO. Así mesmo, denuncia que Clece está poñendo "todas as trabas posibles" á subrogación das traballadoras.

CRÍTICA DO PP. O asunto tamén centrou a rolda de prensa da edil do PP María José Rodríguez Teso, que xusto antes da comparecencia de González pediu explicacións pola situación.

O contrato do SAF "foi prorrogado o pasado mes de abril a pesar de que a propia empresa xa amosara, a través dun escrito remitido ao Concello, o seu rexeitamento a seguir prestando este servizo". Ademais, "no 2013 denunciamos pagos indebidos á empresa por servizos non prestados e tamén desvelabamos o pago dun Ive superior ao correspondente".

O Concello acusa a Clece dunha "extorsión en toda regra" para...
Comentarios