O Concello de Ponte Caldelas adecenta 33 lugares da vila

A actuación inclúe tarefas de limpeza e desbroce en espazos públicos
Aspecto que presenta unha das parcelas adecentadas nos últimos días.
photo_camera Aspecto que presenta unha das parcelas adecentadas nos últimos días.

O Concello de Ponte Caldelas iniciou hai uns días a campaña anual de limpeza e corta da broza en todos os camiños e espazos públicos municipais. Trátase dunha actuación que ten un prazo de execución de tres meses aproximadamente e que se levará a cabo en 33 lugares da vila.

Tal e como lembra o tripartito, estes traballos son novidosos no Concello, xa que ata o de agora non se impulsara nunca un proxecto similar. Os operarios municipais iniciaron o labor pola capela da Saúde, onde a próxima semana celébrase unha procesión tradicional á que acode moita xente. De feito, o operativo está detalladamente programado para que a limpeza en cada lugar se faga coincidir cos días previos ás festas tradicionais.

O alcalde, Andrés Díaz, supervisou persoalmente estas primeiras xornadas e anunciou que a partir do próximo luns incorporaranse ao cadro de persoal municipal os primeiros efectivos do Plan de Emprego da Deputación, co que serán cinco persoas as que se ocuparán deste operativo. O Concello de Ponte Caldelas optou por contratar menos xente, pero pagando o salario do convenio da construción no marco dunha política de máximo respecto aos dereitos dos traballadores.

A campaña de limpeza e desbrozamento das pistas e espazos públicos municipais realízase con medios exclusivamente manuais, incluíndo o soprado e recollida dos restos vexetais. O Concello de Ponte Caldelas ten prohibida a utilización de calquera tipo de herbicidas químicos, polos seus efectos nocivos no medio ambiente.

Comentarios