O Concello recolle achegas dos veciños para elaborar unha ordenanza que axilice os trámites urbanísticos

As suxerencias poden facerse a través da web do consistorio ►Haberá contactos con colectivos profesionais e asociacións
Pontevedra a vista de paxaro
photo_camera Pontevedra a vista de paxaro

O Concello de Pontevedra quere contar coa participación da veciñanza para a elaboración dunha ordenanza que axilice os trámites urbanísticos. O obxectivo é simplificar, reducir e axilizar os procedementos administrativos e acurtar os tempos de tramitación na área de Urbanismo co fin de mellorar a comunicación e atención aos veciños e veciñas.

"Queremos contar coa interlocución no só dos sectores profesionais (arquitectos, enxeñeiros, etc.) senón tamén de asociacións, colectivos e particulares que teñan algo que dicir" subliña a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías. As achegas poden realizarse na web do Concello. 

Neste camiño de participación a concelleira e o director xeral de Urbanismo, Anabel Gulías e Xosé Manuel Tato, manterán unha reunión cunha representación da Delegación de Pontevedra do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia).

"Cremos que é necesario impulsar a redacción desta ordenanza e así o facemos, elaborando este borrador pero agardando por todas as achegas e contribucións que podan facernos chegar" subliñouGulías para engadir que "agardamos que en outubro-novembro, cos informes técnicos pertinentes e con as achegas de participación, poder ter feita a ordenanza para a súa aprobación definitiva".

A elaboración da ordenanza de simplificación administrativa é un dos puntos do decálogo de medidas presentadas ao comezo do ano para reorganizar a Área de Urbanismo, que inclúe a actualización de distintas ordenanzas para adaptalas as actuais directrices normativas como unha nova ordenanza única integrada de actividades económicas e apertura de establecementos e obras ou un novo regulamento de ruídos.

Comentarios