O Concello retira 230 niños de vespa velutina en cen días de loita contra a praga

Medio Ambiente prevé que nas próximas semanas se produzan máis retiradas ante a caída das follas que os deixarán ao descuberto
Fotografía de un nido de velutina
photo_camera Fotografía de un nido de velutina

A praga da vespa velutina non da tregua. A vintena de voluntarios (todos eles apicultores) coordinados polo departamento municipal de Medio Ambiente Natural traballa arreo co fin de erradicala, ou cando menos evitar a súa expansión. Nos arredor de cen días que levan actuando recibiron 250 avisos por parte de veciños pola presencia de niños, retirándonse 230.

As previsións da área de Medio Ambiente Natural, que dirixe o concelleiro Alberto Oubiña, apuntan a que nas próximas semanas haberá un incremento tanto no número de avisos como no de retiradas, xa que a caída da folla pola chegada do outono fará máis visibles os niños. Neste momento, os niños son máis grandes e na maior parte dos casos se atopan en fincas particulares, ben sexa en froiteiras, muros ou tellados. Tamén foron retirados algúns en faiados e chemineas, e mesmo apareceu algún no chan.

Co fin de garantir unha resposta rápida e áxil, o concello está dividido en varias zonas e os voluntarios en grupos, de tal xeito que cada un cubre a zona asignada. Os voluntarios están saíndo case todos os días, "polo que están empregando o seu tempo libre con isto", según detalla Medio Ambiente Naural. "Actúan protexidos con traxes especiais, pértegas, gorros e insecticidas, un material facilitado polo Concello. Alberto Oubiña quere "agradecer publicamente e pór en valor o traballo deste grupo de voluntarios na loita contra a praga".

Comentarios