'O conto da criada' manda nos premios Emmy

Os oito premios que vén de acadar a serie baseada no libro da escritora canadiense Margaret Atwood, asenta a proposta dunha plataforma online por unha ficción que nos enche de medos ante o que pode ser un futuro non tan lonxano do noso tempo
Fotograma de 'O conto da criada'
photo_camera Fotograma de 'O conto da criada'

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HULU É unha plataforma de ‘streaming’ que ofrece aos seus abonados diferentes contidos audiovisuais. Unha plataforma alternativa aos grandes que hoxe en día manexan o fervedoiro territorio das series televisivas como poden ser HBO ou Netflix nunha loita que está deixando atrás incluso ao propio cinema de Hollywood.  Esta é a primeira victoria da serie ‘O conto da criada’ nos recentes premios Emmy ao acadar oito galardóns, tres deles técnicos, pero os outros cinco referidos ao traballo das súas actrices, así como o de mellor serie dramática, plantándolle cara ás grandes empresas e potenciando o papel do público como quen en realidade pon en valor un produto. O segundo triunfo é o de facer triunfar a unha serie de televisión dende un marabilloso material literario, ao ser unha adaptación dunha novela de Margaret Atwood, eterna candidata ao Nobel de Literatura, e na que se relata unha distopía, isto é unha sociedade ficticia, na que o papel da muller vese anulado por completo, sendo unicamente un elemento de reprodución para manter a especie. Esta clave feminina tamén se atopa noutras series premiadas nesta gala, traballos como ‘Big Little Lies’ ou ‘Veep’ contan historias de mulleres nuns contextos moi determinados. Reivindicacións xustas e necesarias, pero que non deben poñerse por riba da boa produción así como do extraordinario material audiovisual que nos atopamos en ‘O conto da criada’.

Dende o primeiro capítulo desta serie, que en España pódese ver na plataforma HBO, un queda enganchado non só á súa temática, senón a unha fascinante composición de imaxes, a súa montaxe, ao seu vestiario. Toda unha contudencia visual que acompaña á potencia dunha narrativa que nos pon ante unha chea de interrogantes sobre o noso mundo e, sobre todo, cara onde nos diriximos. Esa sociedade, na que se confunde o poder político coa extrema relixiosidade, puramente sectaria, que impregna a toda unha comunidade, e na que todo xira arredor da capacidade reprodutiva da muller, dunhas poucas mulleres que son as que escravizadas e violadas sistematicamente polos señores perpetúan á especie. Tal e como se nos presenta ese argumento e á vista dos acontecementos que nos derradeiros meses teñen lugar nos Estados Unidos, un non pode desligar a narrativa desta produción da situación social e política dese país. O machismo, o emprego arbitrario das forzas armadas, a ausencia das liberdades, os castigos, as humillacións... todo iso fainos pensar, e moito, nas posibles consecuencias de seguir por ese vieiro comandado polo presidente Trump que agora mesmo fala na Onu de destruir completamente un país.

Cada minuto ante a pantalla é estarrecedor, un calafrío permanente ante o que se nos está contando. Ante unhas imaxes que aínda así, dese horror, son quen de xerar unha xélida beleza ante á que agroma todo ese feixe de preguntas, esas dúbidas continuas por como levamos o noso mundo cara o abismo, cara un muro do que pendurar as nosas eivas, culpas dunhas condutas que semella non somos quen de evitar.

O sistema social proposto na serie, no que unhas élites participan desa anulación feminina a través dunha severa educación nun correccional é estremecedor, así como a posterior dominación desa criada entendida como un mero obxecto para a reprodución é a consecuencia dunha imposición que se nos vai contando a modo de flashback arredor da vida da protagonista, a gañadora do premio á mellor actriz, a magnífica, Elisabeth Moss, para combinar así o actual estado desa sociedade e o momento desa fractura, desa persecución ás liberdades, da actuación dun exército que se move como unha banda mafiosa, da violencia indiscriminada, do terror nas familias que aínda que sexan o cume desa nova sociedade antes foron aniquiladas.

Dez capítulos os vistos ata o de agora en España que quedan abertos á súa continuidade, unha porta aberta á esperanza que agardamos para coñecer como evoluciona esa historia, xusta merecedora do éxito acadado nuns premios Emmy que puxeron o ollo na muller, na muller que toma posicións ante o destino dunha sociedade na que ela nunca é a favorecida, senón unha vítima que esta semana sentiu que ela si se move na dirección axeitada.

Comentarios