miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

O Culturgal que é de todos

O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, falando en presenza do conselleiro de Cultura e o alcalde de Pontevedra.
O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, falando en presenza do conselleiro de Cultura e o alcalde de Pontevedra.

PONTEVEDRA. «Culturgal reinvéntase». O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, inaugurou onte en Pontevedra a sexta Feira das Industrias Culturais de Galicia explicando o porque desa apelación constante á «corresponsabilidade» por parte da organización e desa solicitude de colaboración permanente ao público a través dunhas achegas voluntarias de 3 euros ao acceder ao Recinto Feiral, no que se deu en chamar «entrada responsable» e non é outra cousa que un modo de micromecenado. «Sufrimos unha redución do 55% sobre o orzamento do ano pasado», xustificou Amigo. A fórmula para enfrontarse aos sucesivos recortes que vén sufrindo o evento nos últimos anos pasa, segundo os seus responsables, por concienciar ao público e ao resto dos sectores da cultura galega na súa involucración: «o Culturgal é de todos».

Amigo, que inaugurou a feira acompañado polo conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que este ano se celebrarán no Recinto Feiral máis de 145 actividades de balde e contarán cun stand propio máis de 70 empresas. «Temos de todo para todos», dixo ao tempo que explicou que a intención da feira era seguir medrando, «acoller máis artes plásticas, máis ciencia e astronomía», así como consolidar a súa relación co público, «aumentar o volume de negocio que xera e renovar o diálogo e a cohesión do sector cultural».

IVE

O conselleiro de Cultura aproveitou a súa intervención para manifestar o seu desexo de que o IVE cultural se rebaixase, despois de ter criticado Xulio Amigo o mazazo que supuxo o imposto para o sector. Vázquez tamén se referíu á aposta pola corresponsabilidade deste ano. Segundo dixo, inicia «unha nova era, realista e sostible» ao tempo que se gabou do «pulo que recibiu a feira sobre todo nos últimos tres anos».

Entre as novidades do Culturgal 2013, que se prolongará ata mañá, está o horario continuo (de 11.00 a 21.00 horas) así como a posta en funcionamento de novos espazos: dende un cine con capacidade para 50 persoas a unha carpa exterior para o desenvolvemento de espectáculos.

O Culturgal que é de todos
Comentarios