viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

O desprezo de Umbral e o recendo varonil

Un artigo prendeu lume ao columnismo viril. Os danados calaron, pero non volverán escribir de vez sobre alcohol, sexo e fútbol

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O MARTES parei comprar xabón de mans Magno Classic antes de ir ao xornal. Empecei a usar ese xabón cando tiña 19 anos e estudaba en Santiago. A miña habitación no hostal estaba pegada á de Raúl.

Cando cheguei á redacción souben que a editorial Nocturna me enviara ‘La península’ (1970), de Julien Gracq. É unha novela fascinante polo levísimo da súa trama e o interesante da lectura. Todo o que acontece é que un home conduce ata unha estación de tren para buscar ao seu amor. Ela non aparece. El marcha percorrer Bretaña.

O mércores souben que Taschen publicara bonitamente ‘Los archivos personales de Stanley Kubrick’. Kubrick, ben sabe vostede, dirixiu a película ‘2001: unha odisea no espazo’. Eu acompañei a Raúl porque me convenceu e, por moito que me guiou, fun incapaz de atoparlle un sentido. A comprensión veume este venres, cando lle lin no libro de Taschen que «o bo do cinema é que non tes que explicar as cousas, en ‘2001’ dirixíame ao subconsciente do espectador». Acabáramos, Stanley.

Cando collo un texto de Julien Gracq sei que non necesito buscar sentido ás frases. Sinxelamente, debo consentir que o escritor francés me vaia arrastrando coa súa prosa creativa e coa capacidade de atopar unha epifanía en cada barrio e en cada porto. Non aforra acidez: «Simon era un partidario tan convencido de Bretaña que la idea de que superase a otras provincias, aunque fuese en alcoholismo le proporcionaba unha pizca de vanidad». Nunca percibín o prestixio de beber por botellas, pero aínda hai agora columnistas que exhiben nos xornais a súa capacidade para baleirar cristais nos seus textos como se escribisen para a sección de curiosidades e récords.

Os sesenta anos do pasamento de Pío Baroja cumpríronse onte. Admiro a súa plasticidade. Francisco Umbral, non. «Era un escritor de mesa camilla», largoulle a Sánchez Dragó nunha entrevista que vin o xoves en YouTube.

O desprezo de Umbral e o recendo varonil do xabón que comprei lembráronme a noite na que quixen ser un home de acción, como se fose o Eugenio de Aviraneta que protagoniza a serie de novelas de Baroja. Raúl era un rapaz de Vilagarcía. Sorprendía que fose delgado e pálido porque era o máis excesivo do hostal. A súa capacidade para bebelo todo e lelo todo era xigantesca. Non faltaron as veces en que houben de convencelo para que baixase dunha barra de pub á que subira para recitar a Verlaine e a Apollinaire. Nesas oportunidades confundíaos e mesturábaos.

Unha noite veu á miña habitación para confesarme —para presumir, mellor dito— que lle ofreceran 15.000 pesetas por axudar nun desembarco de tabaco. Era unha fortuna en 1994 se tiñas 19 anos. Ao luns seguinte, Raúl veu ao meu cuarto cun paquete vermello. Desenvolveuno. Contiña unha pistoliña brillante, preciosa; de aire femenino. «É o modelo que usou Verlaine para disparar contra Rimbaud», asegurou. A arma orixinal vai puxarse dentro dun mes en Sotheby’s. Fomos probala ao cemiterio de Boisaca aquela mesma madrugada. Camiñamos por entre as tumbas cunha lanterna. Raúl —que parecía máis pálido do que era porque había luar— estivo buscando unha lápida concreta. Demos voltas e voltas ata que atopou o sártego de Valle Inclán. Apuntou coa pistola. Disparou. O retroceso da pistola e os nervios fixeron que o tiro se perdese no ventre da noite. Pareceunos sentir á Policía que se achegaba. A nosa virilidade saíu correndo entre as sepulturas.

Nese tempo de mocidade estaba preocupado por consolidar a miña apariencia varonil. Esa teima influíu mesmo na escolla de xabón. Parecíame que o Magno Classic me envolvía en masculinidade. Sigo usándoo, aínda que agora sexa pola nostalxia proustiana do seu recendo.

O luns souben da polémica sobre o ‘periodismo cipotudo’. Cando era director de El Mundo, o agora director de El Español, Pedro J. Ramírez, promocionou un grupo de trintañeiros que non dixeriran a adolescencia. Consentíu que escribisen inspirados polas súas tres feromonas macho: alcohol, sexo e fútbol. Os rapaces tiñan estilo e retranca, a pesar de que contaban que roubaran a flor ás once mil virxes de Apollinaire e que se beberan os restos de whiky que deixara Hemingway nos vasos de Saint Germain.

Todas aquelas fazañas bélicas xa as léramos outros en ‘Trópico de Cáncer’. Esa novela pasou por un ‘Decamerón’, cando é unha crónica da fame que padeceu Henry Miller durante a súa estadía nos anos 20 en París.

A novidade da semana pasada é que Ramírez decidiu castigar a esa xeración porque xa non escribe no seu medio. A semana pasada apareceu en El Español o artigo de ‘En la era de la prosa cipotuda’, onde se trituran o fondo e as formas de articulistas como Pérez Reverte, Jabois, Jorge Bustos ou Antonio Lucas, entre outros. O autor, Íñigo F. Lomana, usa unha técnica de desguace de validez universal: podes destrozar calquera autor escollendo os seus renglóns máis tortos.

Dos columnistas que escriben en Madrid e que foron clasificados como ‘cipotudos’ por Lomana soamente teño lidos aos galegos. Divírtenme a pesar de que non soporto que escritores nacidos tras a disolución das Cortes franquistas teñan como referente prosas almidonadas e rexionalistas como as de Josep Pla ou Julio Camba. Raúl nunca me convocou para disparar contra as súas tumbas. Desconfío de que o motivo sexa que lle gustasen. Supoño que non sabía onde están enterrados.

De toda esta estafeta literaria que nos está chegando nestes anos dende Madrid quedará Manuel Jabois como quedou Francisco Umbral no seu tempo. Jabois sabe camaleonizarse segundo lle vai indicando o olfacto. Cheirou que os lectores están deixando de comprar xabón de recendo varonil.

O desprezo de Umbral e o recendo varonil
Comentarios