O Día da Galiza Mártir homenaxeará unha vez máis a Alexandre Bóveda

O día 17 sucederanse os actos para lembrar ó galeguista e ós represaliados polo franquismo ►Este ano, o Premio da Galiza Mártir será para o investigador Xosé Estévez
Presentación da programación do Día da Galiza Mártir no monumento-homenaxe a Bóveda na Caeira
photo_camera Presentación da programación do Día da Galiza Mártir no monumento-homenaxe a Bóveda na Caeira

A memoria histórica e o recoñecemento dos represaliados polo réxime franquista volverán ser os protagonistas do Día da Galiza Mártir, que terá lugar o 17 deste mes e no que será galardoado co Premio Galiza Mártir o investigador galego Xosé Estévez.

Así, o luns foi presentada a programación de eventos da xornada polo vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García, e a concelleira do Concello de Poio Lidia Salgueiro.

O programa de actos será semellante ó doutras edicións anteriores. Deste xeito, haberá un acto institucional na Caeira, o xa mencionado xantar, que servirá como evento de entrega do Premio Galiza Mártir, a misa na Igrexa de San Amaro, en Poio, e, finalmente, o acto político orquestrado polo Bloque Nacionalista Galego ás 20.00 horas na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra.

Neste último evento participará Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Coruña, que falará, sobre todo, sobre a polémica xurdida arredor do Pazo de Meirás.

Con todo, ás 13.00 horas será a homenaxe na Caeira, ás 14.30 comezará o xantar e a entrega do premioó historiador Xosé Estévez, ás 18 horas será a misa no cemiterio de San Amaro en lembranza ó galeguista fusilado polos franquistas ó comezo da Guerra Civil e, como último acto programado do día, terá lugar o acto institucional do BNG.

Como novidade, o xantar e a entrega do Premio Galiza Mártir serán efectuados no Parque da Memoria Adolfo Pérez Esquivel, personaxe que recibiu o Nobel da Paz e que deseñou as esculturas de Bóveda, Castelao e Rosalía de Castro.

Os actos de homenaxe que se levarán a cabo durante toda a xornada non só terán como protagonista a Alexandre Bóveda, senón tamén a todas as vítimas do franquismo. En palabras de Valentín García: "Bóveda encapsula nese día ó resto de represaliados, que foron moitos".

"Ese parque contextualiza á perfección o traballo pola memoria, polos dereitos humanos, pola paz, pola xustiza e porque non se repitan os crimes", subliña o vicepresidente da fundación que leva o nome do político galeguista.

Para asistir á comida será necesaria unha inscrición previa na páxina web www.alexandreboveda.gal. Ademais, o xantar terá un prezo de 20 euros.

O PREMIADO. Doutor en Historia, investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto, Xosé Estévez foi unha personalidade influínte no activismo a prol da democracia e a soberanía de Galicia dende a década dos 60 do pasado século. Por outra parte, dende a década dos 70 foi autor de diversos estudos e obras sobre castelao e o nacionalismo galego. Ademais, o investigador tamén recollerá o día 17 o Premio Manuel Murguía, organizado polo Instituto Galego de Historia.

Deste xeito, Estévez relevará á catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco, galardoada o ano pasado coa distinción que outorga a Fundación Alexandre Bóveda. Aurora Marco foi autora de numerosos estudos e libros sobre a historia das mulleres e a memoria histórica.

Para asistir ó xantar e á entrega do Premio Galiza Mártir será necesario inscribirse previamente e pagar 20 euros

Comentarios