lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

"TEMOS MOITO MELLOR EQUIPO DO QUE DEMOSTRA A CLASIFICACIÓN"

Luisito: "Síntome obrigado a seguir polo club e os xogadores"

Luisito
Luisito
O pasado inmediato e o futuro a curto prazo centran a meirande parte da mensaxe de Luisito, despois de dimitir e ser restituido no seu cargo trala derrota do Pontevedra en Talavera

É a primeira entrevista que concede despois de rachar o seu silencio. Defende ao seu plantel, ao seu corpo técnico, á presidenta e a Roberto Feáns. Sentido común, emoción, ambición, desesperación ou afouteza emerxen do seu discurso, de verbas que guían a viaxe polo corazón e a mente de Luisito.

Sería moi atrevido dicir que a semana pasada foi unha das máis difíciles da súa carreira?

O domingo pasado foi o peor día de tódolos anos que levo como adestrador, sen dúbida, o que peor o pasei e no que máis tensión tiven. E mira que houbo momentos no fútbol nos que sufrín. Era a primeira vez na miña vida na que presentaba a dimisión. O Pontevedra para min significa moito máis có equipo que adestro. Sempre me considerei un técnico de club. En Ourense tamén experimentei estas mesmas sensacións, aínda que en circunstancias complemente diferentes. Se estivese noutro equipo e o presidente e a xente se portasen mal comigo, trataría de cumprir o contrato e logo marcharía. Pero miña nai non me ensinou así e debo ser xusto e honesto co Pontevedra, que para min significa máis ca un club de fútbol. Síntoo como unha parte de min. Por iso me vía obrigado a presentar a dimisión. E non me arrepinto do que fixen. Non foi un arrebato. Sabía que era moi doloroso, pero tíñao decidido e moi meditado.

Reaccións "Quedei asustado coa cantidade de mensaxes que me enviaron. Algo faría ben para que tante xente me queira"

Entón, ademais de vostede, alguén máis o sabería...

Só houbo unha persoa a quen llo comentara, miña nai. Antes do partido díxenlle que se perdía e pasaban certas cousas, presentaba a dimisión. Despois expliqueille que o partido non era nin televisado nin radiado para que non estivese pendente. Ata o luns non llo contei. Quixen protexela. Dos demais, ninguén o sabía. Nin a Roberto Valdés nin a Pepe Rico llo comentei. Aí fixen mal: Pepe para min é como un irmán e sen Roberto non vou a ningún lado. Tratei de protexelos e ao final cominme toda a tensión, que me prexudicou. Por iso me atopei afundido.

Moita xente animouno...

Non contaba coa repercusión que ía ter. Quedei asustado coa cantidade de mensaxes que me mandaron. O luns, cando vin adestrar, impresionoume a xente. Paraba nun bar e animábanme. Algo faría ben para que tanta xente me queira. Obviamente sempre me quedan detractores, que iso tenos todo o mundo.

Que pasa durante a semana pasada para que un home tan forte coma vostede diga que se sente morto na rolda de prensa posterior ao partido contra o Talavera?

O que máis me penaliza é dicir o que sinto. Moitas veces tes que mentir ou enganar aos demais e a ti mesmo. Pero por moitas veces que o intentei, non son quen de facelo. Naquel momento dixen aquilo porque o sentía de corazón. E díxenllo aos futbolistas e chorei diante deles. Non me avergonzo diso. Teño 51 anos e levo chorado moitas veces. Choro con bastante frecuencia, pero os xogadores venme forte e mentalmente considérome moi forte. Ese día, en cambio, derrubeime. Non me custa recoñecelo. Hoxe (por onte) un deles confesoume que se decatara do que é a tensión do adestrador.

O principal aval da súa continuidade foi que os xogadores, a presidenta e o director deportivo o intentasen convencer para que seguise?

Roberto Feáns e Lupe (Murillo) son moito máis que un director deportivo e unha presidenta. Non me vexo no Pontevedra sen eles. Sempre o dixen. Estoulle moi agradecido a todo o consello, que me defende a morte. Lupe díxome ao momento de comunicarllo que non me ía deixar marchar. Non me arrepinto nada de dar marcha atrás. Non son un covarde e, vendo a resposta do club e dos futbolistas, síntome obrigado e con máis forzas ca nunca para sacar o equipo desta situación. Débolle moito ao plantel. Algúns dixéronme cousas moi duras, porque non querían que marchase.

Renovación "Este é un reto moi complicado, pero non imaxinaba que na xornada 13ª ía presentar a dimisión" 

Que lle comentaron?

Houbo un que me dixo que viñeran aquí porque me coñecían e lles gustaba traballar comigo e que despois de 13 xornadas os deixaba tirados. Iso matoume. Teñen razón. Eu naquel momento tiña que ser xusto con Lupe e con Roberto Feáns. Se non dimitise non podería durmir. A eles dous teño que defendelos a morte: coas nosas limitacións de cartos, intentáronme fichar sempre os futbolistas que lles pedía. Virá outro presidente aquí e eu non estarei. Eu marcharei. O Pontevedra é especial: é quen de ser un club pequeno a nivel económico, pero enorme no que o rodea. Creo que calquera adestrador lle colle cariño a este club. Para min era o máis fácil marchar ao remate da temporada pasada, pero gústanme os grandes desafíos. E en Galicia, dirixir o Pontevedra por cuarto ano seguido era un reto moi complicado. O que non imaxinaba era que na 13ª xornada de liga ía presentar a dimisión. Agora espero que o equipo vaia cara arriba.

Lupe Murillo anunciou trocos no plantel en xaneiro. Comparte a súa mensaxe? 

Para min estivo espectacular. De dez non, de once. E no que dixo no vestiario estivo inmensa. Era a primeira vez que compartía ao cen por cento o que transmitía. Hai tempo para reaccionar. Hai marxe para que demostren os bos futbolistas que eu sigo pensando que son e facernos ver que nin eu nin Lupe nin Feáns estabamos equivocados. Por uns motivos, algúns non deron atopado as súas sensacións, pero teño que defendelos a morte, porque teñen un comportamento exemplar. 

Reacción "Non son un covarde e, vendo a resposta do club e dos futbolistas, síntome obrigado a seguir e con máis forzas ca nunca"

Como lle comunicou a presidenta a decisión de non aceptar a súa dimisión? 

Eu xa o intuía, porque mo dixera, pero antes tiña que reunirse cos seus compañeiros do consello de administración. Nese aspecto é modélica. Chamoume á noite e o luns reuníronse comigo ela e o director deportivo. Déronme forzas. Eu sabía o risco que acarrexaba renovar ao remate da temporada pasada. Se marchase, quedaba coma un campión. Pero igual que aceptei daquela, dei marcha atrás agora. E sigo mantendo a mesma ilusión e esperanza de sempre. 

Fíxoselle moi longa a viaxe en autobús desde Talavera? 

Paseino moi mal (emociónase). Non me custa recoñecelo: chorei moito. Os meus fillos estaban moi afectados, como moita xente que me coñece e á que lle sorprendeu a decisión: futbolistas aos que adestrei noutros equipos. É normal que lles estrañe porque é a primeira vez que o fago desde que son adestrador. 

Que obxectivo se marca a partir de agora? 

Gañarlle ao Navalcarnero. Non vexo máis alá. E a partir de aí, progresar pouco a pouco. E que os futbolistas sigan crendo en min. Fanno ao cen por cento. Saben que traballamos moito. Se vise que somos un equipo perro, unha pandilla de golfos que non adestran ben, marchaba para a casa. Por iso eu pensaba que podía ser eu o problema e por iso, cando dimitín, decidín que non quería ser un obstáculo para o club. 

Impotencia "Non me custa recoñecelo: chorei moito"

Este Pontevedra encaixa máis goles dos previstos... 

Derrótaste cando intentas corrixir os fallos e ves que domingo tras domingo reincides neles. Pensei en que tiña que facer para evitar que nos marcasen o mesmo gol co mesmo erro. Iso é o que máis me come. Teño a ilusión de facer un Pontevedra grande e esa ambición corróeme. 

E eses erros chegan case sempre ao final dos partidos.

Contra iso só hai traballo, traballo e traballo. Non teño unha variña máxica nin podo pegarlle un tiro aos rivais. Os últimos cinco minutos hai que xogalos.


Pensou en implantar o outro fútbol para amarrar resultados?

Eu recorría a iso como xogador, pero como adestrador négome a dicirlle aos meus futbolistas que se tiren polo chan. Eles deben saber manexar o ritmo dos partidos. Teño futbolistas tan boas persoas e honrados que non queren recorrer a iso. E eu non llelo vou pedir. O futbolista que é 
perro vai actuar coma un perro, e o que é honrado vaino seguir sendo. 

Non parece que o problema dos finais sexa por un tema físico. 

Non o é. Tivemos moitas lesións en pretemporada que nos obrigaron a baixar o ritmo de adestramentos. Non houbo unha pretemporada limpa. E nestes 13 partidos de liga houbo varios xogadores con molestias. O equipo atópase ben fisicamente, pero hai lesións que un preparador físico ou un adestrador non dan controlado. 

Como ve de moral aos xogadores? 

Ben. Estou moi orgulloso de adestralos. Sei o implicados que están. Quérenme axudar e ir para arriba e a veces precipítanse. O outro día parei o adestramento para pedirlles que non teñan tanta ansiedade. A maneira de axudar ao club é xogar como cada un sabe, con desenvoltura. Non se pode saltar ao campo presionado. E hai que actuar sempre cunha mentalidade gañadora. Despois o fútbol ten moitas variables. Estivemos a un nivel altísimo contra o Castilla e o Sanse e logo tivemos lagoas tremendas contra outros rivais. Debemos ser fortes durante os 95 minutos que duran os partidos.

Luisito: "Síntome obrigado a seguir polo club e os xogadores"
Comentarios
ç