O espectáculo 'Requetetrolas' inaugura o Salón do Libro Infantil e Xuvenil

 «Profanar a realidade con malas artes está quizais no cerne dalgunhas chaves para entender algunhas cousas que lle ocorren á nosa economía, ao noso país, á nosa lingua», dixo onte o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na inauguración do Salón do Libro de Pontevedra. «Ser conscentes, discernir sempre entre as mentiras da literatura, o cinema  ou os videoclips, e as mentiras dos medios é un intelixente exercizo para  interpretar correctamente a realidade e liberarnos da sombra negra da mentira amarga».

A mentira é este ano o eixo temático sobre o que xirará este evento que abriron oficialmente Lores e a concelleira de Cultura, Lola Dopico, no Pazo da Cultura. Os encargados do espectáculo inaugural foron os nenos da Aula Folque Infantil (AFI), que realizaron un espectáculo na liña do do ano pasado, pero con menos música: unha mestura de gags de corte surrealista e abundantes doses de humor. Titulárono ‘Requetetrolas’ e estivo apoiado por unha serie de proxeccións audiovisuais (que non acabaron de funcionar seguido).

Lores quixo destacar durante a súa intervención a coincidencia de tema nas dúas citas culturais máis importantes de Pontevedra cada ano: o Salón do Libro Infantil e Xuvenil e a Semana Galega de Filosofía. A organización desta última anunciou a semana pasada que precisamente a súa edición de 2011 tamén estaría adicada aos embustes.

Con Dopico coincidiu Lores en homenaxear o traballo que realizan para o Salón os colexios da comarca. «Este evento que ten dado e que dará moitos froitos é un traballo de amor pola lingua e pola literatura», explicou a concelleira de Cultura. «Pero non existe de forma illada. Ocupan un lugar fundamental na súa execución educadores e mestres, que traballan durante meses para dotalo de sentido».

(Ampla información na nosa edición impresa do luns, 7 de febreiro)

Comentarios