Lunes. 20.11.2017 |
El tiempo
Lunes. 20.11.2017
El tiempo

O FicBueu abre de par en par as súas portas

A xornalista María Varela conversa co actor Antonio Durán, 'Morris'
A xornalista María Varela conversa co actor Antonio Durán, 'Morris'
A xornada inaugural do festival de curtas da vila foi todo un éxito e reuniu a caras coñecidas da pequena e gran pantalla, como 'Morris' ou Carlos Blanco, así como a representantes do Concello, da Deputación e da Xunta de Galicia

O inicio da décima edición do FicBueu non puido ser mellor. A pesar de que a chuvia nocturna ameazou con ter que cambiar algunhas das previsións, finalmente os raios do sol acompañaron desde primeira hora da mañá.

Tras o concerto do trío A Doce Vita, encargado de poñer a nota musical inaugural do festival, tivo lugar a conferencia do mestre José Luis Castro de Paz, que falou sobre o Noticiario Folk, cuxo primero boletín se proxectou no Centro Social do Mar onte, lembrando como se facía na época republicana no cine dos irmáns Barreiro. Sobre esa mítica sala, Castro de Paz non dubidou en afirmar que se tratou "del germen de lo que podría haber sido un cine gallego en una república consolidada".

Félix Juncal, Silvia Carballo, Xosé Leal ou Jacobo Sutil, entre as autoridades que se achegaron á sesión vermú no Punto de Encontro

Unha vez rematada a conferencia, estreouse a curtametraxe que realizaron os usuarios da Asociación Juan XXIII, dentro das actividades que o equipo do FicBueu leva a cabo durante o ano, a través da súa Area Social. O director do festival, Manuel Pena, abriu o acto e comentou que "nós pasámolo moi ben" traballando cos mozos de Juan XXIII e que "todas as decisións fundamentais foron tomadas por eles".

Pola súa banda, a directora do centro cangués, Teresa Lago, apuntou que a curta, cuxo título é Megalópole, "é unha historia de inclusión, futurista, pero gustaríanos que esa utopía fose unha realidade o máis axiña posible e encantaríanos que esa sociedade inclusiva fose a do pobo de Bueu mañá mesmo". Unha das usuarias que actuou como cámara durante a rodaxe, Anabel García, foi a encargada de dar os agradecementos e expresou o desexo colectivo de repetir a experiencia o vindeiro ano.

A música do grupo Desconcerto foi a que soou na apertura oficial do Punto de Encontro, o lugar no que os espectadores poderán reunirse cos directores, actores e demáis profesionais do audiovisual que pasarán estes días pola vila. Na inauguración do espazo estiveron presentes o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a concelleira Silvia Carballo, o deputado de Cultura, Xosé Leal, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. Mentres se desenvolvía a sesión vermú, os asistentes pudieron desfrutar da exposición conmemorativa que a organización fixo polos dez anos do evento audiovisual.

A media tarde, comezaron as proxeccións das curtas integradas na Sección 10º Aniversario, dentro da cal se puideron ver seis cintas que foron merecedoras do Premio do Público en edicións anteriores.

Apenas unha hora despois, no Museo Massó, os asistentes tiveron a oportunidade de falar con Antonio Durán, máis coñecido como Morris, que leva este ano o Premio Cine Galego. nunha conversa en forma de entrevista que lle fixo a xornalista do Diario, María Varela, na que repasaron os momentos máis importantes da súa traxectoria e falaron dos proxectos que ten agora o actor entre mans.

As curtas volveron sobre as 22.00 horas e con pegada autóctona. A Sección Galicia proxectou pezas como Néboa, Eistein-Rosen ou Decorado, esta última gañadora dun Goya á mellor curta de animación. O peche do día estivo cheo de cor, luz e retranca grazas ao ilustrador Luis Davila.

O FicBueu abre de par en par as súas portas